Adega-Lugo solicita revisar a declaración de impacto ambiental da liña de alta tensión entre Ludrio e San Cibrao

GaliciaXa | LugoXa
A organización ecoloxista pide paralizar as obras e cuestiona a avaliación ambiental ao considerar insuficiente o análise sobre paisaxe, biodiversidade e corredores ecolóxicos
liña-de-alta-tensión-entre-Ludrio-e-San-Cibrao-rural-Lugo
2 Jun 2026

A asociación ecoloxista ADEGA-Lugo vén de presentar ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia unha solicitude formal de revisión da Declaración de Impacto Ambiental da liña de alta tensión de 132 kV entre as subestacións de Ludrio e San Cibrao, promovida por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (BEGASA). A entidade considera que a avaliación ambiental realizada non tivo en conta impactos relevantes sobre a paisaxe, a biodiversidade e a conectividade ecolóxica da zona afectada.

Desde ADEGA afirman que a infraestrutura foi autorizada sen unha análise axeitada de elementos de alto valor ambiental e paisaxístico, entre os que destacan a afección ao Miradoiro do Castelo de Labio e á ruta de sendeirismo dos Lagos de Teixeiro, espazos de elevado valor panorámico e recreativo que, segundo sinalan, verán deteriorada a súa calidade pola proximidade da liña e pola deforestación asociada ás obras.

A organización tamén alerta dos danos sobre hábitats de interese comunitario, especialmente unha carballeira e un bosque aluvial situados na parroquia de Labio, afectados pola apertura dunha ampla franxa forestal para a instalación da infraestrutura, e sostén que estes elementos non foron correctamente identificados nin avaliados durante a tramitación ambiental.

Outro dos puntos sinalados é a incidencia da liña sobre unha área de especial interese para a fauna, con presenza de zonas húmidas inventariadas pola Xunta de Galicia e utilizadas por numerosas especies de aves. ADEGA considera que non se avaliaron de forma axeitada os riscos de colisión e electrocución da avifauna nin os efectos sobre a biodiversidade local.

A entidade ecoloxista tamén denuncia que o proxecto ignora a existencia de corredores ecolóxicos que conectan espazos naturais da provincia de Lugo, incluídas áreas da Reserva da Biosfera Terras do Miño e espazos integrados na Rede Natura 2000, advertindo de que a fragmentación destes corredores compromete a mobilidade da fauna e a conservación da biodiversidade.

Por todo isto, ADEGA-Lugo propón estudar o soterramento da liña nos treitos máis sensibles desde o punto de vista ambiental e paisaxístico e reclama a suspensión cautelar das obras mentres se revisa a declaración de impacto ambiental, co obxectivo de evitar danos irreversibles no territorio. A organización conclúe que a transición enerxética non pode empregarse como escusa para degradar espazos naturais de alto valor ecolóxico nin para reducir as garantías ambientais, defendendo que a planificación eléctrica debe compatibilizarse coa protección da biodiversidade, da paisaxe e do patrimonio natural de Galicia.

0.12873411178589