ADEGA presenta alegacións contra a autorización ambiental dunha granxa porcina proxectada en Palas de Rei

LugoXa
A asociación ecoloxista solicita que se anule o actual trámite de información pública ao considerar que a documentación do proxecto está incompleta e non avalía correctamente os impactos ambientais.
granxa-porcina
14 Jul 2026

ADEGA-Lugo presentou alegacións ao procedemento de autorización ambiental integrada da explotación porcina de ceba proxectada en Vilareda, no concello de Palas de Rei, ao entender que a documentación sometida a información pública presenta importantes deficiencias que impiden realizar unha avaliación rigorosa dos seus posibles efectos ambientais e limitan o dereito da cidadanía a participar no proceso.

A entidade ecoloxista solicita que se declare a nulidade do actual trámite de información pública e que se requira á empresa promotora a presentación dunha nova documentación técnica completa. Posteriormente, reclama que se abra un novo período de exposición pública para que as persoas interesadas poidan formular alegacións con todas as garantías.

Entre as principais carencias detectadas, ADEGA sinala que a documentación publicada está incompleta. En concreto, indica que falta o Anexo II do proxecto, no que deberían figurar documentos considerados fundamentais, como o contrato co xestor dos xurros, a certificación urbanística da parcela ou outra información necesaria para comprobar a viabilidade ambiental e legal da instalación.

A asociación tamén considera que o estudo de impacto ambiental non cumpre cos requisitos establecidos na Lei 21/2013 de avaliación ambiental, ao non analizar alternativas ao proxecto e ofrecer, ao seu xuízo, unha avaliación demasiado superficial dos posibles impactos. Segundo expón, o documento limítase en numerosos apartados a enumerar afeccións sen incorporar estudos específicos nin medidas correctoras suficientemente desenvolvidas.

ADEGA advirte ademais da ausencia dun estudo específico sobre as emisións de cheiros, malia que o propio proxecto recolle a xeración de compostos como amoníaco, sulfuro de hidróxeno ou mercaptanos. A entidade sostén que tampouco se avalían as posibles repercusións destas emisións sobre a saúde e o benestar da poboación da contorna.

A xuízo da organización ecoloxista, estas deficiencias incumpren tanto a normativa de avaliación ambiental como a lexislación sobre prevención e control integrados da contaminación, dificultando que a cidadanía poida coñecer con precisión o alcance dos impactos da explotación prevista.

Por este motivo, ADEGA solicita á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade que anule o trámite actualmente en marcha, esixa unha nova documentación adaptada á normativa vixente e volva someter o proxecto a información pública para garantir un procedemento transparente e con plenas garantías de participación cidadá.

0.12440991401672