Adxudicada a renovación da rampla de acceso á Praza de Abastos pola rúa Tuñas Bouzón

O Concello de Lugo adxudicou a obra de renovación da rampla de acceso á Praza de Abastos pola rúa Tuñas Bouzón, unha actuación destinada a mellorar a accesibilidade e a comodidade das persoas usuarias destas instalacións municipais.
O concelleiro responsable, Mauricio Repetto Arroxo, explicou que esta intervención facilitará a entrada á Praza de Abastos mediante a creación dun novo acceso cunha pendente máis reducida, o que permitirá un tránsito máis cómodo e seguro para a cidadanía. Segundo indicou, esta actuación inscríbese na estratexia municipal para seguir reforzando tanto a Praza de Abastos como o Mercado Municipal como “dúas instalacións referenciais para o comercio de proximidade”.
A obra contará cun investimento total de 115.120,61 euros e disporá dun prazo de execución de 3 meses. Os traballos permitirán alongar a rampla actual, reducindo a súa inclinación e mellorando así as condicións de accesibilidade ao aproveitar o espazo dispoñible ata a liña de fachada da Praza de Abastos.
Desde o Concello explicaron que a actuación responde á detección dun problema estrutural na infraestrutura existente, motivo polo que se procederá á súa renovación integral. A nova rampla conservará a estética e os acabados actuais, aínda que actualizará a súa estrutura conforme ás normativas vixentes.
Para iso empregaránse materiais axeitados para exteriores, como aceiro galvanizado e formigón, co obxectivo de garantir unha maior durabilidade e resistencia da instalación.