Adxudicadas por máis de 885.000 euros as obras de rehabilitación do Antigo Hospital de San Miguel na Tinería

LugoXa
A actuación permitirá recuperar a histórica Casa Torre e habilitar un acceso accesible á Muralla mediante un ascensor interior
barrio-da-tineria-lugo
1 Aug 2026

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de rehabilitación do Antigo Hospital de San Miguel, tamén coñecido como Casa Torre, un inmoble histórico situado no barrio da Tinería, no centro histórico de Lugo e moi próximo á Muralla Romana.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), formalizou a adxudicación do contrato á empresa Desarrolla Obras y Servicios, S.L. por un importe de 885.662,74 euros. Os traballos contarán cun prazo de execución de 20 meses.

O proxecto ten como finalidade a recuperación integral desta edificación histórica, situada dentro do recinto histórico da cidade. O inmoble está composto por dúas construcións independentes e sen conexión interior: a Casa Torre, de planta cadrada e orixe medieval, e un segundo edificio unido á primeira polo seu lado noroeste.

A actuación contempla a rehabilitación dos dous inmobles co obxectivo de preservar os seus valores patrimoniais e darlles un novo uso, contribuíndo á revitalización do barrio da Tinería e á posta en valor deste conxunto arquitectónico.

Entre os elementos máis destacados do proxecto figura a creación dun itinerario accesible para facilitar o acceso á Muralla de Lugo. Para iso instalarase un ascensor interior que permitirá comunicar a cota da cidade coa do adarve do monumento, mellorando a accesibilidade a un dos principais atractivos patrimoniais da capital lucense.

0.15838599205017