Adxudican en Friol a renovación dos parques infantís Rosalía de Castro e Félix Rodríguez de la Fuente

LugoXa | TerraChaXa
Os traballos previstos inclúen a substitución do pavimento actual por un chan continuo de caucho, que mellora a absorción de impactos e reduce o risco de lesións
renovacion-parques-friol
29 May 2026

O Concello de Friol vén de adxudicar á empresa Calfensa S.L. o proxecto de renovación integral dos parques infantís situados no Parque Rosalía de Castro e no Parque Félix Rodríguez de la Fuente, dous espazos de referencia para o lecer familiar no centro do municipio.

O proxecto conta cun orzamento total de 165.140,97 €, dos cales a Xunta de Galicia financia 148.626,87 €, sendo a contía restante asumida con fondos propios do Concello de Friol. A actuación foi adxudicada por un importe de 139.131 € e contará cun prazo de execución de dous meses e medio.
A intervención permitirá acometer unha mellora integral de ambas instalacións co obxectivo de modernizar os espazos, incrementar a seguridade e garantir a accesibilidade universal.

Os traballos previstos inclúen a substitución do pavimento actual por un chan continuo de caucho, que mellora a absorción de impactos e reduce o risco de lesións. Tamén se instalarán novos xogos infantís fabricados con materiais resistentes e sostibles, adaptados a distintas idades e con opcións inclusivas.

Ademais, eliminaranse barreiras arquitectónicas para facilitar o acceso a menores con mobilidade reducida, rehabilitarase o mobiliario urbano e habilitaranse novas zonas de sombra mediante a plantación de árbores autóctonas e a instalación de pérgolas.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou que “esta actuación representa un avance significativo na mellora dos espazos públicos municipais, mediante a creación de áreas de xogo máis seguras, modernas e inclusivas, orientadas ao benestar das familias e da infancia”.

Así mesmo, sinalou que “a renovación destes parques responde ao firme compromiso do goberno local coa mellora da calidade de vida da veciñanza e coa promoción de espazos plenamente accesibles para toda a cidadanía”.

O Concello de Friol continuará traballando na mellora das infraestruturas municipais, promovendo actuacións que contribúan ao desenvolvemento sostible e ao benestar social do municipio.

0.14437699317932