AGACA presentou o 'Proyecto ANCARES' para dixitalización e sostibilidade do sector lácteo en AGROVALOR2026

LugoXa
Durante as xornadas AGROVALOR 2026, impulsadas pola USC, AGACA presentou o Proxecto ANCARES, integrado por seis entidades galegas e asturianas, que busca desenvolver unha ferramenta dixital que facilite a transición cara a unha gandería láctea sostible
AGACA-Proyecto-Ancares
24 Sep 2026

A Universidade de Santiago de Compostela organizou as xornadas “AGROSOCIAL2026 Valoración de residuos agropecuarios e forestais para a saúde do solo e a economía circular”.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) presentou o “Proxecto ANCARES: Ferramentas innovadoras para a análise do uso do solo e nivel de carbono en agroecosistemas de rexións lácteas sostibles” durante as xornadas “AGROSOCIAL2026 Valoración de residuos agropecuarios e forestais para a saúde do solo e a economía circular” da Universidade de Santiago de Compostela.

Víctor Coira, responsable do departamento de Calidade e Innovación Alimentaria da asociación, foi quen deu a coñecer aos asistentes a proposta, que busca desenvolver e implementar unha ferramenta dixital que permita caracterizar o territorio, avaliar a saúde dos solos e cuantificar o potencial de secuestro de carbono en explotacións do sector vacún leiteiro de Asturias e Galicia, facilitando así a toma de decisións na xestión dos recursos das granxas que resulten en prácticas máis sostibles.

Para logralo, desenvolve probas piloto comparando estratexias de cultivo e fertilización (como fertilización habitual fronte ao uso de dixestato) e combina técnicas de teledetección, drons e mostraxes de biomasa para detectar deficiencias de nitróxeno, analizar a capacidade de secuestro de carbono das explotacións, determinar a resposta do solo e dos cultivos a distintos recursos e como se poderían axustar ás necesidades de cada explotación.

“Proxecto ANCARES: Ferramentas innovadoras para a análise do uso do solo e nivel de carbono en agroecosistemas de rexións lácteas sostibles” é un proxecto de innovación de interese xeral desenvolvido no marco dos grupos operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri), no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC).

AGACA intégrase no Proxecto ANCARES en representación do sector lácteo xunto con Central Lechera Asturiana; a área de investigación e coñecemento científico está encabezada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Oviedo; do desenvolvemento tecnolóxico encárgase o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS) e a coordinación de tarefas corre a cargo de Medrar Smart Solutions. O proxecto comezou en xaneiro de 2026 e finaliza en xaneiro de 2029.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria é a autoridade encargada da aplicación destas axudas. O orzamento do proxecto é de 596.769,91 euros, financiados ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao 20 % pola Administración Xeral do Estado a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

0.14707589149475