Agra dos Castros reclama o arranxo urxente de dous socavóns na Avenida da Coruña

LugoXa
A asociación veciñal denuncia o risco para a seguridade viaria nun punto con tráfico intenso e advirte de que os condutores teñen que invadir o carril contrario para evitar os ocos
socavons-avenida-da-coruna-agra-dos-castros
22 Sep 2026

A Asociación Cidadá Agra dos Castros reclama ao Concello de Lugo o arranxo urxente do firme na Avenida da Coruña, á altura dos números 222 e 224, na esquina coa Rúa Illas Canarias, onde permanecen desde hai máis de tres meses dous grandes socavóns situados no propio carril de circulación.

A entidade, que defende os intereses dos barrios da zona norte da cidade, asegura que está a canalizar o malestar da veciñanza e dos establecementos comerciais da contorna, que levan un trimestre á espera dunha solución.

Os dous ocos localízanse xusto diante da Panadería Ousá e nas proximidades do bar Brisay, nunha vía principal que soporta un importante volume de tráfico. Segundo denuncia Agra dos Castros, a zona conta unicamente cun sinal de obras e dous conos de plástico, sen elementos de protección suficientes nin pranchas que permitan cubrir os socavóns.

A asociación considera que esta situación supón un risco diario para a seguridade viaria, xa que os vehículos que circulan pola zona vense obrigados en moitos casos a realizar manobras bruscas e invadir o carril contrario para evitar os buracos. Esta circunstancia, segundo a entidade, está a provocar freadas de emerxencia e incrementa o risco de colisións frontais.

Agra dos Castros cualifica de “temeridade” e “abandono” que un punto tan transitado leve tres meses sen unha solución e presentou un escrito ante o Concello de Lugo para reclamar unha intervención inmediata antes de que se produza un accidente de gravidade.

0.13251519203186