Airiños de Orbazai abre o prazo de inscrición para o curso 2026-2027 en Lugo

LugoXa
A entidade cultural admitirá solicitudes ata o 31 de outubro para as súas clases de baile, pandeireta, canto e gaita-tamboril, que se desenvolverán os sábados ata o próximo mes de xuño
instrumentos-pandeiretas
23 Sep 2026

A Asociación Cultural Airiños de Orbazai abriu o prazo de inscrición para os seus cursos e actividades permanentes correspondentes ao curso 2026-2027. As persoas interesadas poderán anotarse ata o 31 de outubro.

Ademais das clases, a entidade mantén dous grupos de carácter pechado: o de pandeireteiras 'As Xarutas', que ensaia os martes de 19.30 a 20.30 horas, e o Grupo de Canto e Música 'Airiños de Orbazai', con ensaios tamén os martes, de 20.45 a 22.15 horas.

O resto da actividade concéntrase os sábados. Ás 10.00 horas comezan tres clases simultáneas: canto e pandeireta de nivel intermedio, baile para nenos e nenas en fase de iniciación (a partir de 4 anos) e baile tradicional de iniciación.

De 11.00 a 12.00 horas impártense baile infantil de perfeccionamento (tamén desde os 4 anos), baile tradicional de nivel intermedio, pandeireta infantil de iniciación e canto e pandeireta de perfeccionamento.

Na franxa de 12.00 a 13.00 horas teñen lugar a pandeireta infantil de nivel avanzado e o baile tradicional de perfeccionamento.

A xornada do sábado remata de 13.00 a 14.00 horas coa clase de gaita e tamboril de iniciación, así como cos ensaios do grupo pechado Cantareiras 'D'Xanares'.

O curso prolongarase ata o 5 de xuño de 2027, data na que se celebrará a XV edición da Foliada de Orbazai. En concreto, as clases e ensaios dos sábados desenvolveranse entre o 3 de outubro de 2026 e o 29 de maio de 2027.

Os pagamentos deberán realizarse na primeira clase de cada mes. A asociación resérvase o dereito de cancelar calquera actividade ou curso se non se cobre un número mínimo de prazas.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 607 368 490 ou escribir ao correo airinosdeorbazai@hotmail.com.

0.16237998008728