ALCER Lugo celebra o seu 45 aniversario cunha programación de actividades solidarias e unha gala no Auditorio Fuxan os Ventos

LugoXa
A asociación organizará entre o 19 e o 22 de novembro un paseo solidario, un partido de fútbol, unha representación teatral e un acto conmemorativo para recoñecer os 45 anos de apoio ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias
Alcer-Lugo-(2)
12 Nov 2026

ALCER Lugo celebrará o seu 45 aniversario cunha programación especial de actividades abertas á cidadanía, coas que conmemorará máis de catro décadas de traballo, compromiso e acompañamento ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias. Os actos desenvolveranse entre o 19 e o 22 de novembro e terán como punto central unha gala conmemorativa no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos.

A programación comezará o 19 de novembro cun paseo solidario con Guido Guía. Ao día seguinte, o 20 de novembro, celebrarase un partido de fútbol solidario entre a Gimnástica e A Piringalla. As actividades continuarán o domingo 22 cunha representación teatral da obra 'Unha Comedia improvisada', a cargo da Asociación Cultural Ousadías, prevista para as 19:00 horas.

Unha hora despois, ás 20:00 horas, terá lugar a gala do 45 aniversario no Auditorio Fuxan os Ventos, que incluirá recoñecementos a persoas e entidades vinculadas á traxectoria da asociación, unha poxa solidaria e unha actuación de baile de Gravitty.

A entrada solidaria terá un prezo de 10 euros para adultos e 5 euros para nenos. Ademais, habilitarase unha Fila Cero para aquelas persoas que queiran colaborar coa entidade aínda que non poidan asistir aos actos.

Desde ALCER Lugo destacan que estes 45 anos de historia non serían posibles sen o apoio das institucións, asociacións, colectivos e da sociedade lucense. Por iso, a celebración pretende ser tamén un punto de encontro para compartir lembranzas, recoñecer o traballo desenvolvido e seguir dando visibilidade ás necesidades das persoas con enfermidade renal.

A entidade anima á cidadanía e ás distintas asociacións a participar nas actividades e difundir a convocatoria para que este aniversario poida contar co maior apoio posible. Baixo o lema '45 anos xuntos pola saúde renal', ALCER Lugo quere facer partícipe de conmemoración a todas as persoas e colectivos que acompañaron a súa traxectoria.

0.14083290100098