Almudena Otero protagoniza unha nova sesión de 'Media Hora de Poesía' na Despensa de Saa

A poeta e ensaísta Almudena Otero Villena protagonizará este sábado 28 de novembro unha nova sesión do ciclo 'Media Hora de Poesía', na Despensa de Saa. O encontro, que comezará ás 20:00 horas, levará por título «A miña matriz habita entre dous hemisferios» e será presentado por Nieves Neira.
Otero naceu e pasou a súa infancia no norte de África. Estudou Xornalismo e Filoloxía Alemá na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse cunha tese sobre a relación entre tempo e identidade na novela artúrica. A súa investigación sobre a mística feminina medieval deu lugar ao ensaio ''ayn. O ollo e a fonte', publicado por Axóuxere en 2017 e editado en castelán por Mandala en 2023.
É tamén autora do poemario 'Diario dos mapas. Un ensaio de xeografía norteafricana' (Urutau, 2020) e tradutora de obras de autores como Rosa Luxemburg, Mechthild von Magdeburg, Carl Schmitt, Martin Heidegger e Ludwig Tieck.
O recital proponse como un convite a percorrer as fronteiras e as quebras do mundo, a través das cales tamén se revelan paisaxes de luz.