Altri reforza a defensa ambiental do proxecto GAMA mentres Ulloa Viva cuestiona a súa validez

GaliciaXa | LugoXa
Greenfiber asegura que a planta prevista en Palas cumpre os criterios europeos de sustentabilidade, mentres a plataforma cidadá considera o informe “propaganda” e reclama a paralización da iniciativa
proxecto-Altri-Palas-de-Rei
29 Jun 2026

A planta de fibras téxtiles proxectada en Palas de Rei por Greenfiber, sociedade integrada no grupo Altri, sumou un novo respaldo técnico ao recibir unha avaliación favorable sobre o cumprimento do principio DNSH (“Non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente”), un requisito establecido pola Unión Europea para acceder a financiamento ligado aos fondos europeos.

O informe foi elaborado por Bureau Veritas Inspección e Testing mediante unha avaliación baseada na guía técnica da Comisión Europea e conclúe que, dentro do ámbito analizado, resulta plausible considerar que o proxecto non provocará un impacto significativo sobre os seis obxectivos ambientais definidos pola normativa comunitaria: mitigación e adaptación ao cambio climático, protección dos recursos hídricos, economía circular, prevención da contaminación e conservación da biodiversidade e dos ecosistemas.

No apartado relacionado coa mitigación do cambio climático, a avaliación destaca unha redución significativa das emisións de gases de efecto invernadoiro respecto dos sistemas convencionais de produción téxtil e de celulosa. Entre os indicadores recollidos figura un aforro estimado do 99 % das emisións na produción de Lyocell e unha diminución do 93 % no proceso integrado DWP-Lyocell. O informe tamén sinala que a planta acadaría autosuficiencia enerxética mediante excedentes xerados na produción de celulosa, sen necesidade de subministración adicional de electricidade ou gas natural, ademais de eliminar os combustibles fósiles do proceso produtivo.

Respecto á adaptación ao cambio climático, Greenfiber indica que o proxecto incorpora medidas destinadas a reforzar a resiliencia fronte a episodios extremos como secas ou inundacións, entre elas o deseño específico das plantas de tratamento de auga e efluentes e a construción de tres balsas de emerxencia para absorber posibles incrementos excepcionais de caudal.

En materia de recursos hídricos, o documento sinala un obxectivo de redución do consumo de auga do 91 % respecto dos procesos tradicionais, acompañado da instalación de plantas específicas de tratamento e sistemas de reutilización e recirculación.

Bureau Veritas tamén identifica a economía circular como un dos piares fundamentais do proxecto GAMA, destacando a valorización enerxética do chamado “licor negro”, subproduto derivado da fabricación de celulosa, así como o aproveitamento doutros residuos industriais.

O informe súmase ao selo STEP concedido o pasado mes de novembro pola Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), un recoñecemento co que a Comisión Europea considera a iniciativa como un proxecto estratéxico para reforzar a competitividade industrial da Unión Europea. Segundo Greenfiber, a validación ambiental, xunto coa Declaración de Impacto Ambiental favorable xa concedida, ratifica o cumprimento dos estándares ambientais europeos, nacionais e autonómicos. O proxecto queda pendente unicamente da resolución da Autorización Ambiental Integrada.

RESPOSTA DA PLATAFORMA ULLOA VIVA

Pola súa parte, a Plataforma Ulloa Viva mostrou un forte rexeitamento á información difundida por Greenfiber e cuestionou o carácter independente do informe elaborado por Bureau Veritas. O colectivo considera que un documento encargado e financiado pola propia empresa non pode presentarse como unha validación independente e sostén que o seu contido responde a unha estratexia de presión sobre a Xunta para acelerar a concesión da Autorización Ambiental Integrada.

A plataforma cualificou de “provocación” a elección da empresa certificadora, ao lembrar que participou no pasado en procesos relacionados co petroleiro Prestige. Ademais, considera que o documento presenta unha importante carga propagandística e insiste en que o único informe verdadeiramente independente elaborado ata o momento sería o emitido polo Consello da Cultura Galega.

Ulloa Viva tamén cuestiona as afirmacións relacionadas coa eficiencia hídrica e asegura que os datos manexados por Greenfiber non son compatibles coas previsións de consumo e vertedura de auga incluídas no proxecto. Así mesmo, sinala que existe unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativa á protección da contorna da ZEC Serra do Careón que, segundo a plataforma, debería afectar á viabilidade do proxecto.

A entidade reitera a súa oposición á implantación da macrocelulosa en Palas de Rei e insta á Xunta de Galicia a rexeitar a iniciativa, lembrando as mobilizacións desenvolvidas nos últimos meses en distintos puntos do territorio galego baixo o lema de oposición ao proxecto.

0.12203788757324