ALUCEM celebra o seu 30 aniversario reivindicando tres décadas de apoio ás persoas con esclerose múltiple

ALUCEM celebrou o seu 30 aniversario cun acto conmemorativo no que fixo balance de tres décadas de traballo, acompañamento e apoio ás persoas con esclerose múltiple e ás súas familias na provincia de Lugo.
A xornada desenvolveuse baixo o lema “Evolución da oferta asistencial e médica aos pacientes de EM ao longo dos últimos 30 anos” e serviu para compartir reflexións, experiencias e lembranzas arredor da evolución da atención ás persoas afectadas por esta enfermidade.
No encontro participaron o doutor Robustiano Pego, Alba Fernández e Manuel Domingo López, a quen a entidade trasladou un recoñecemento especial pola súa implicación e colaboración nesta celebración.
Durante o acto, a asociación tamén quixo agradecer o apoio recibido ao longo destes anos por parte de profesionais, administracións públicas, entidades sociais, familias, persoas socias e colaboradores que contribuíron ao crecemento e fortalecemento da organización.
ALUCEM destacou igualmente a colaboración mantida con COGAMI e FEGADEM na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade e con esclerose múltiple, así como o respaldo institucional do Concello de Lugo, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.
O acto estivo enmarcado na campaña “Empatiza con la Esclerosis Múltiple”, impulsada por AEDEM-COCEMFE e o Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, e contou coa colaboración de Sanofi e da Fundación A.M.A..
Durante a celebración, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, fixo entrega dunha placa conmemorativa en recoñecemento ao apoio prestado pola Deputación á entidade ao longo destes anos.
Fernández destacou que detrás da distinción “hai 30 anos de compromiso coas persoas” e definiu ALUCEM como “un referente social da provincia”, subliñando o papel da asociación como espazo de orientación, apoio e acompañamento para moitas familias.
A Deputación de Lugo mantén actualmente unha colaboración anual coa entidade a través dunha achega de 10.000 euros destinada ao desenvolvemento dun programa de atención integral para persoas afectadas por esclerose múltiple, que inclúe servizos de fisioterapia e atención psicolóxica adaptada ás necesidades dos pacientes.