Ampliado o proxecto de ensaio da limpeza da muralla con bioherbicidas

A Xunta de Galicia avanza no ensaio do uso de bioherbicidas para eliminar a vexetación da Muralla ampliando a aplicación ao tramo completo entre a Porta Falsa e a Porta de Bispo Odoario, que supón arredor do 25 % da superficie exterior do monumento.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe a marcha dos traballos e destacou que se vai triplicar a superficie tratada con respecto ao pasado ano, cando se cubriu o treito entre a Porta da Estación e a Porta Falsa. “Os resultados son positivos -afirmou- e animan a continuar afondando nesta metodoloxía para coidar do patrimonio de forma ecolóxica e sostible”.
O tratamento execútase nun prazo de tres ou catro días e consiste nunha solución a base de ácido pelargónico, un compoñente de orixe natural que demostrou ser eficaz á vez que seguro para o monumento, a saúde pública e o medio ambiente.
Avaliarase se os resultados coinciden nunha zona nova coas súas propias características e variables, como a densidade da vexetación ou condicións de temperatura, radiación solar ou vento. Emprégase a mínima dose posible, isto é, a disolución coa menor concentración de produto que funcionou en fases previas; en dúas semanas poderán extraerse as primeiras conclusións.
O proxecto para buscar alternativas de mantemento responde ás previsións do Plan Director para a conservación da Muralla e desenvólvese en fases experimentais secuenciais, co obxectivo final de integrar a totalidade do perímetro.
Nun primeiro momento estudáronse no laboratorio os posibles efectos do ácido pelargónico sobre a pedra e o morteiro. En outubro do 2024 aplicouse sobre catro cuadrículas delimitadas xunto ao cubo LXXI, fronte ao Edificio Administrativo, e na pasada campaña comprendeu todos os panos e cubos nesta zona, axustando en cada paso as técnicas e concentracións.
Por outra banda, estes días tamén se retomou a limpeza da vexetación en lenzos interiores da Muralla cos métodos manuais tradicionais, labores que se interrompen na primavera debido ao período de nidificación dos cirrios.