Ana Pontón, portavoz do BNG: "O interior de Galicia está lastrado pola falta de investimentos en infraestruturas"

GaliciaXa | LugoXa
A portavoz nacional do BNG apelou desde Lugo a concentrar o voto na formación o 29N para reclamar o remate das conexións con Santiago e Ourense, mellorar o ferrocarril e acabar coa discriminación que, segundo denuncia, manteñen os gobernos estatais
BNG en lugo tren
23 Nov 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou desde Lugo a concentrar o voto galego na formación nacionalista nas eleccións do 29 de novembro para cambiar o que definiu como un "guión de discriminación" que, segundo denunciou, manteñen os distintos gobernos do Estado, tanto do PSOE como do PP, e que perpetúa a débeda histórica de Galicia en materia de infraestruturas. A líder nacionalista participou nun acto de campaña xunto á cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil.

Pontón escolleu Lugo para visibilizar a situación das provincias do interior, que considera as máis prexudicadas pola falta de investimentos. Neste sentido, cualificou de "tomadura de pelo" que a autovía entre Lugo e Santiago continúe sen rematar e asegurou que a falta de infraestruturas limita a capacidade de desenvolvemento económico e a seguridade viaria destas zonas. "O interior de Galicia está lastrado", afirmou.

A dirixente do BNG defendeu a axenda galega de infraestruturas da súa formación fronte aos partidos estatais, aos que acusou de considerar que Galicia "sempre pode esperar". "Este guión de discriminación é precisamente o que podemos cambiar este 29 de novembro coa papeleta do BNG", proclamou, antes de reclamar máis peso político en Madrid para defender investimentos xustos. Tamén asegurou que a formación non dará "un cheque en branco a ninguén" e que non permitirá "nin un só paso atrás".

A proposta nacionalista inclúe tres prioridades: mellorar as conexións ferroviarias, garantir unha mobilidade por estrada sen peaxes e completar vías fundamentais, ademais de impulsar portos e aeroportos ao servizo do desenvolvemento económico galego.

No ámbito ferroviario, Pontón apostou por modernizar as conexións interiores de Galicia e crear un servizo de proximidade como o existente en Madrid, Cataluña ou Valencia. Tamén defendeu o impulso do corredor atlántico de mercadorías e a modernización das conexións da cornixa cantábrica entre A Coruña e Oviedo. En relación con Lugo, avanzou que o BNG seguirá reclamando a renovación da rede ferroviaria, máis frecuencias e mellores infraestruturas.

En canto ás estradas, a portavoz nacional reiterou a demanda dunha AP-9 galega e libre de peaxes, así como a gratuidade da AP-53. Tamén situou entre as prioridades o remate das conexións por estrada entre Santiago e Lugo e entre Lugo e Ourense. "Non é de recibo que moverse en Galicia sexa máis caro ou en infraestruturas de peor calidade", sinalou.

A terceira liña de actuación pasa por reclamar a transferencia a Galicia dos portos de interese xeral e a creación dun sistema aeroportuario galego coordinado entre os tres aeroportos, con rutas e conexións adaptadas ás necesidades do territorio. Pontón defendeu que estas infraestruturas deben contribuír á dinamización económica e non depender dunha visión centralista que faga pasar as conexións por Madrid.

Pola súa banda, Olalla Rodil asegurou que Lugo ten a oportunidade de conseguir representación do BNG no Congreso e afirmou que cada deputado da formación traballará para que avancen compromisos que, segundo indicou, levan anos pendentes. Como exemplo, citou a electrificación da liña ferroviaria Monforte-A Coruña, que atribuíu á iniciativa do BNG, e comprometeu o traballo da formación para renovar a rede ferroviaria lucense.

Rodil reclamou mellores infraestruturas e máis frecuencias para que o tren sexa unha alternativa útil para a cidadanía. Tamén defendeu que a presenza do BNG no Congreso permite avanzar en cuestións que, ao seu xuízo, non progresan sen a presión da formación nacionalista. "Cando o BNG ten voz e voto, Galicia gaña", afirmou.

Preguntada polas enquisas, Pontón asegurou que o BNG é "unha forza en ascenso" e animou a concentrar o voto galego na súa papeleta para conseguir un bo resultado e restar escanos ao bloque das dereitas. A portavoz concluíu apelando a votar "co corazón e coa cabeza" para que Galicia teña unha voz máis forte en Madrid.

0.1610951423645