Analizan novas colaboracións en Monterroso con investimentos en infraestruturas e servizos públicos

O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, reuniuse co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para analizar a colaboración entre a Administración autonómica e o Concello en distintos asuntos de interese municipal.
Durante o encontro, Arias destacou o apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a mellora da rede de recollida de pluviais nos núcleos de Esporiz e Lardeiros, así como para o acondicionamento do acceso ao lugar de Comeás, actuación esta última vinculada tamén ao municipio de Portomarín.
Estas intervencións contaron cunha achega total de 65.700 euros, procedentes das ordes de axudas anuais do Fondo de Compensación Ambiental competitivo e da liña destinada á modernización de infraestruturas municipais. Esta última convocatoria xa está aberta para o ano 2026, cun orzamento de 3,5 millóns de euros dirixido a entidades locais para a mellora de instalacións e equipamentos de uso público, e os concellos poderán presentar solicitudes ata o 4 de maio.
Entre outras actuacións recentes, o delegado territorial referiuse tamén á concesión de 48.300 euros para a mellora e conservación de vías de titularidade local en Tarrío e Novelúa, a través dun convenio coa Consellería do Medio Rural.
Así mesmo, puxo en valor o acordo asinado o pasado ano entre o Concello de Monterroso e a Axencia de Turismo de Galicia, que supuxo un investimento autonómico de 96.400 euros destinado á humanización de varias rúas do municipio.