Antas de Ulla acolle ata o 20 de decembro a exposición fotográfica "Destino. Unha peregrinación", de Manuel Valcárcel

O Concello de Antas de Ulla inaugurou, en colaboración con ABANCA e Afundación, a exposición "Destino. Unha peregrinación", do fotógrafo galego Manuel Valcárcel. O acto contou coa presenza da alcaldesa, Pilar García Porto, e de representantes das entidades colaboradoras.
A mostra propón unha viaxe fotográfica por catro peregrinacións en distintos puntos do mundo: Tíbet, Senegal, México e Galicia. A través de imaxes cheas de cor e emoción, o autor convida a reflexionar sobre cuestións como a vida, a familia, a emigración e as raíces.
A exposición pode visitarse na Casa do Director, anexa á Casa da Cultura de Antas de Ulla, ata o 20 de decembro. O horario de apertura é de luns a venres, entre as 16:00 e as 19:00 horas.