Antas de Ulla aposta pola reutilización cun Mercadiño de Troco para a infancia e a mocidade

Antas de Ulla despedirá o mes de agosto cunha proposta pensada para fomentar o intercambio e dar unha nova oportunidade a aqueles artigos infantís e xuvenís que xa non se utilizan. O Concello organiza o vindeiro venres 28 de agosto un Mercadiño de Troco, que permanecerá aberto entre as 12.00 e as 18.00 horas no Pavillón Polideportivo.
A actividade está dirixida á infancia e á mocidade e busca promover valores como a reutilización, o consumo responsable e o aproveitamento dos recursos. Para iso, os participantes poderán intercambiar xogos, xoguetes, libros infantís e xuvenís, quebracabezas ou disfraces.
O funcionamento do mercado estará baseado nas denominadas "Ullacoins", unha moeda simbólica creada especificamente para a iniciativa. As persoas interesadas deberán entregar previamente no Concello os artigos que xa non empreguen entre os días 24 e 26 de agosto. A cambio recibirán estas moedas, que poderán utilizar durante o mercadiño para conseguir outros produtos dispoñibles que sexan do seu interese.
Todos os obxectos entregados deberán atoparse en bo estado, limpos e completos, de maneira que poidan continuar sendo utilizados polos seus novos propietarios.
A proposta, con todo, non quedará limitada a quen entregue previamente algún artigo. A organización habilitará tamén un espazo de acceso libre co obxectivo de que poidan sumarse á xornada aqueles nenos e mozos que non dispoñan de material para intercambiar.
Con este Mercadiño de Troco, Antas de Ulla propón unha actividade diferente para os últimos días do verán, combinando ocio e convivencia cunha maneira práctica de achegar aos máis novos á reutilización e ao intercambio. As persoas que precisen máis información poden contactar co Concello a través do teléfono 982 23 80 14.