Antas de Ulla homenaxeará a Teresa Batán pola súa traxectoria ligada á cultura e á lectura

Antas de Ulla renderá homenaxe o próximo domingo 13 de setembro a Teresa Batán Buján, bibliotecaria e dinamizadora cultural do municipio, como recoñecemento a unha traxectoria profesional dedicada a achegar a lectura, os libros, o teatro e a cultura a varias xeracións de veciños e veciñas.
O acto terá lugar ás 18:00 horas na Praza do Concello de Antas de Ulla e pretende reunir a veciñanza nunha xornada de recoñecemento á labor desenvolvida por Teresa Batán ao longo da súa vida laboral.
Durante anos, a bibliotecaria converteu a biblioteca municipal nun espazo de encontro e participación, no que os libros serviron como porta de entrada a novos mundos para os máis pequenos, pero tamén como lugar de aprendizaxe e acompañamento para persoas de diferentes idades.
A súa actividade foi máis alá da propia xestión da biblioteca, coa promoción da lectura e o impulso de actividades culturais e teatrais que contribuíron a dinamizar a vida cultural de Antas de Ulla.
O Concello destaca precisamente esa capacidade para facer da biblioteca un lugar próximo á veciñanza e para sementar o interese pola cultura entre diferentes xeracións. A súa traxectoria deixou unha pegada na vida cultural do municipio e no percorrido de moitas das persoas que participaron nas actividades promovidas ao longo destes anos.
Con esta homenaxe, Antas de Ulla quere agradecer publicamente a súa dedicación e devolverlle parte do agarimo recibido durante todos estes anos de traballo. A convocatoria está aberta a toda a veciñanza, que poderá acompañar a Teresa Batán nunha xornada pensada para recoñecer a súa achega á cultura local.