Antas de Ulla prepara un Entroido 2026 con actividades para todas as idades

LugoXa
A Praza Nova acollerá os días 15 e 17 de febreiro festas infantís, desfiles de disfraces, música en directo e premios económicos
Entroido-Antas-de-Ulla-2023
3 Feb 2026

O Concello de Antas de Ulla presentou a programación do Entroido 2026, unha das celebracións máis relevantes do calendario festivo municipal, que se desenvolverá os días domingo 15 e martes 17 de febreiro na Praza Nova cun conxunto de actividades dirixidas a público de todas as idades.

Os actos darán comezo o domingo 15 de febreiro ás 16:00 horas cunha festa infantil pensada especialmente para a cativada e as familias. A xornada incluirá inchables, chocolatada, doces tradicionais de entroido e un desfile de disfraces, coa intención de fomentar a participación e o ambiente festivo desde as primeiras horas da celebración.

A programación continuará o martes 17 de febreiro a partir das 20:30 horas coa Festa de Entroido, que estará amenizada por DJ David Expósito. Ás 21:30 horas terá lugar o desfile de disfraces e, a partir das 22:30 horas, desenvolverase a actuación musical do Dúo Ciclón. Ao remate desta actuación procederase á entrega de premios, tras a cal a música continuará novamente coa sesión do DJ.

O desfile contará con premios económicos tanto para participantes individuais ou parellas como para comparsas, alcanzando o primeiro premio desta categoría os 300 euros. Ademais, entregarase un premio especial de 30 euros ao participante de maior idade, ao disfrace máis orixinal e ao grupo máis numeroso.

As persoas interesadas en participar no desfile deberán formalizar a súa inscrición nas oficinas municipais do Concello ata o día 16 de febreiro. Desde o Concello de Antas de Ulla anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a sumarse a esta celebración, que combina tradición, lecer e convivencia e que se consolida como un punto de encontro festivo para toda a comarca.

⚙ Configurar cookies
0.079934120178223