Antía Muiño e De Ninghures encabezarán o cartel da segunda edición do SoaSuarna en Navia de Suarna

O festival SoaSuarna xa ten pechado o programa da súa segunda edición, que converterá Navia de Suarna nun punto de encontro para a música e a cultura o vindeiro sábado 22 de agosto. A organización deu a coñecer o cartel completo dun evento que busca consolidarse como unha referencia cultural na comarca dos Ancares.
O escenario principal reunirá seis propostas da escena musical galega actual. O público poderá desfrutar das actuacións de Antía Muiño, De Ninghures, Toña, Kid Mount, Futuro Alcalde e Duendeneta, conformando unha programación que mestura estilos como a música de raíz, o pop, o indie ou a electrónica.
Ademais da oferta musical, o festival contará cun amplo programa de actividades paralelas pensado para desenvolver ao longo de toda a xornada. Haberá unha feira de artesanía e produto de proximidade, obradoiros, xogos tradicionais, un taller de baile tradicional impartido por Artur Puga e unha zona de acampada para facilitar a estancia dos asistentes. A organización avanzou, ademais, que nas próximas semanas se anunciarán novas incorporacións ao programa.
SoaSuarna está impulsado pola Asociación Xuventude do Navia, un colectivo formado por mozos e mozas da comarca que promove esta iniciativa co obxectivo de ampliar a oferta cultural dos Ancares e demostrar que o rural tamén pode acoller eventos de calidade e con identidade propia.
Tras a boa acollida da primeira edición, o festival afronta este segundo ano coa intención de seguir medrando da man da veciñanza, do voluntariado e das entidades colaboradoras. Os organizadores destacan que a cita vai máis alá da programación musical e pretende fortalecer o sentimento de comunidade, poñer en valor o territorio e crear un espazo onde tradición e modernidade convivan.
A imaxe desta edición foi creada pola ilustradora Eva Piay, autora do cartel oficial do festival, mentres que a organización conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e dos Concertos do Xacobeo, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, da Área de Cultura da Deputación de Lugo, así como de Estrella Galicia e Caixa Rural Galega.