APLTA e Deputación de Lugo impulsan a formación no sector lácteo para favorecer o relevo xeracional

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC organiza o vindeiro 25 de setembro unha xornada de formación en transformación do leite, no marco dun contrato coa Deputación de Lugo. A iniciativa ten como obxectivo achegar ferramentas e coñecementos ás persoas novas interesadas en incorporarse ao sector lácteo galego e contribuír así ao relevo xeracional nas cooperativas e explotacións do rural.
O curso constitúe a segunda fase dun plan de acción orientado a impulsar o relevo xeracional e fortalecer o ecosistema da economía social no sector agroalimentario. A actuación desenvólvese no marco do programa europeo AGROSOCIAL, financiado polo Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A formación, de carácter teórico-práctico e gratuíto, está dirixida a persoas menores de 45 anos que traballen en explotacións lácteas galegas ou que estean interesadas en incorporarse ao sector. Ao longo da xornada abordaranse cuestións relacionadas coa microbioloxía e a hixiene nas instalacións, a elaboración de leites fermentados e fundamentos da queixería, así como a fabricación de iogur e queixo fresco.
A xornada contará coa participación de Ana Corredoira, gandeira e bióloga, responsable da granxa ecolóxica A Cernada, en Palas de Rei. Con máis de dúas décadas de experiencia na agricultura e gandería ecolóxicas, Corredoira achegará á formación a perspectiva dos pequenos produtores e as dificultades ás que se enfrontan para desenvolver e consolidar os seus proxectos no medio rural.
Xunto coa Granxa Maruxa, de Monterroso, A Cernada forma parte de As Vacas da Ulloa, unha cooperativa galega de traballo asociado dedicada á transformación, envasado e comercialización de leite e derivados ecolóxicos. A cooperativa aposta por un modelo de produción local e sustentable e comercializa a marca de leite Sen Máis. A participación de Corredoira permitirá coñecer de primeira man a experiencia dun proxecto que aposta pola transformación e comercialización da produción propia como vía para xerar valor engadido e contribuír á dinamización do rural galego. A inscrición pode formalizarse a través do enderezo formacion@aplta.es.