Arroxo acusa a Candia de deixar Fontiñas sen un aparcadoiro "moi necesario"

O BNG de Lugo destaca que a Xunta de Galiza "perdeu outra oportunidade" para crear un novo aparcadoiro en Fontiñas, despois de trascender que o propietario da parcela ubicada na unión da rúa Primavera co carril das Hortas e o carril das Flores planifica a construcción de vivenda. Arroxo afirmou que "a Xunta podía utilizar as mesmas ferramentas legais" que se utilizaron na Avenida Breogán para construír este estacionamento e destacou que "pasaron máis de tres anos desde que Rueda anunciou a construción dun aparcadoiro en Fontiñas sen que se dese ningún paso".
O BNG puxo o foco na "mala planificación" por parte da Xunta, ao destinar arredor dun millón de euros á construción dun aparcadoiro "nunha zona onde xa existe ampla dispoñibilidade de prazas", lembrou Arroxo.
A proposta elaborada polo BNG consistía en crear un estacionamento de dúas alturas, aproveitando o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas, o que permitiría "optimizar o uso do espazo e ofrecer preto de cen novas prazas de aparcadoiro". Habilitaríase unha nova infraestrutura que podería contar cun espazo de 3.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas que engadirían máis de 100 prazas de estacionamento á zona.
Rubén Arroxo lembrou que a actuación podería desenvolverse mediante os mesmos instrumentos que empregou a Xunta para executar o aparcadoiro da avenida Breogán, declarando o proxecto de interese autonómico. "Se a Xunta quixese, podería facelo tamén aquí, porque dispón da lexislación necesaria para intervir neste tipo de solos", subliñou Arroxo.
CONTESTACIÓN DO GOBERNO
“Non renunciamos a nada porque nunca existiu ese proxecto, máis que nos soños do BNG”. Así de contundente se pronuncia Ameijide dende o Goberno municipal ante as últimas declaracións do BNG sobre un suposto aparcadoiro na confluencia da rúa Primavera co Carril das Hortas e o Carril das Flores.
O Concello aclara que non existe ningún expediente municipal nin ningunha actuación en tramitación coas características ás que fai referencia o BNG. Polo tanto, non se pode falar de perda, renuncia ou abandono dun proxecto que nunca existiu.
“O BNG pretende facer pasar unha idea súa por un proxecto real para poder acusar despois ao Goberno de renunciar a el. É unha manipulación evidente da realidade”, sinala o Goberno municipal.
O goberno local quere manifestar está a traballar cunha planificación concreta para mellorar o estacionamento na cidade e que porá en marcha unha rede de oito aparcadoiros disuasorios que permitirá crear 293 novas prazas. Entre as localizacións previstas está precisamente unha parcela municipal da rúa Primavera.
No caso desta zona, o deseño da actuación está pechado e o Concello está a traballar nos últimos aspectos do proxecto técnico para poder sacar a licitacion da construcción deste estacionalmento nas vindeiras semanas.
“Hai unha diferenza moi clara entre facer unha proposta política e ter un proxecto real. O BNG pode presentar todas as ideas e ocurrencias que considere oportunas, pero non pode converter esas ideas en proxectos que nunca existiron e despois acusar ao Goberno de renunciar a eles”, sinala o Executivo local.