Arroxo critica que o Pazo de Dona Urraca "podería levar 16 anos rehabilitado"

LugoXa
Segundo os últimos prazos, ata mediados de 2029 non se contará cun proxecto para a rehabilitación deste espazo, di
pazo-dona-urraca-lugo
6 Jun 2026

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que a última nova sobre o Pazo de Dona Urraca publicada pola Xunta de Galiza é "un novo castigo do PP a Lugo". Arroxo afirmou que, segundo os últimos prazos publicados, o proxecto de recuperación deste edificio non estará listo "ata mediados do 2029", ao que haberá que sumar o tempo que leven as obras. Arroxo cualificou como "unha falta de respeto ás e aos lucenses" o anuncio de hoxe e lembrou que "a Xunta xa ten un proxecto para este edificio e para o resto do barrio, un proxecto impulsado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda que incluso foi premiado pola ONU".

A recuperación da UI-8, na que se sitúa o Pazo de Dona Urraca, estaba adxudicada a comezos de 2009, "ao chegar o PP ao goberno galego, renunciaron á execución e tiveron que indemnizar á empresa adxudicataria das obras" dixo Rubén Arroxo, que engadiu "se o PP seguira investindo na recuperación da Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo e para todo o mundo". O proxecto de rehabilitación da UI-8 foi elaborado polas arquitectas viguesas Belinda Besada e María Esther Faílde, despois de ser as escollidas polo concurso de ideas lanzado pola Consellería de Vivenda e concluído no ano 2007.

A consellería de Vivenda investiu entre os anos 2005 e 2010 máis de 31 millóns de euros na recuperación do barrio da Tinería, buscando a mellora do espazo urbano e a rexeneración económica e social do barrio. O Executivo Galego adquiriu nese período un total de 52 edificios, proxectando 70 vivendas protexidas para o alugueiro á mocidade.

O proxecto incluía unha intervención no Pazo de Dona Urraca e na súa contorna (coñecida como UI-8) que contaba cun orzamento de 2,3 millóns de euros. Este investimento ía ser dedicado á rehabilitación do inmoble, creando un centro de estudos, documentación e investigación de servizos sociais. Ademais, o BNG estaba no 2009 a ultimar o proxecto de estudo arqueolóxico da UI-7, "a gran intervención do PP na Tinería nos últimos 16 anos: retirar unha chapa metálica para colocar unha protección de madeira nunha parcela dun importantísimo peso para coñecer a historia da cidade e de Galiza", explicou Rubén Arroxo.

O proxecto de recuperación do patrimonio impulsado polo BNG foi valorado pola ONU ao tratarse dunha iniciativa pública que buscaba a rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

0.11807298660278