Arroxo esixe ao novo goberno local que execute de inmediato a reforma do Camiño Primitivo na Ponte

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, esixiu ao novo goberno local que execute “de maneira inmediata” a reforma do Camiño Primitivo ao seu paso polo barrio da Ponte, unha actuación que, segundo lembrou, “o anterior goberno deixou completamente preparada para a súa execución”.
Arroxo explicou que a mesa de adxudicación desta obra celebrouse o pasado 14 de maio, quedando así practicamente rematado o procedemento administrativo para iniciar uns traballos “fundamentais para mellorar a seguridade viaria e as condicións do trazado do Camiño Primitivo á saída de Lugo”.
“O anterior goberno traballou durante meses para facer realidade esta actuación, deixando preparado o proxecto, a licitación e a adxudicación, pero o novo executivo leva días paralizado sen ser capaz nin sequera de publicar a acta da mesa de contratación”, denunciou Arroxo.
O portavoz nacionalista criticou que, a día 25 de maio, o goberno encabezado por Elena Candia “non fixese absolutamente nada para avanzar nunha obra necesaria e demandada pola veciñanza e polas persoas peregrinas”.
“Estamos diante dun goberno que non está preparado para gobernar Lugo”, afirmou Arroxo, quen engadiu que “cada día que pasa queda máis evidente a súa falta de capacidade de xestión, a improvisación constante e a ausencia total de proxecto para a cidade”.
Desde o BNG lembraron que esta actuación contemplaba a renovación integral do firme, a mellora da drenaxe, nova sinalización horizontal e vertical e a creación dunha senda peonil diferenciada para aumentar a seguridade das persoas que transitan polo itinerario.
“Mentres o anterior goberno deixaba proxectos preparados e financiamento asegurado, o actual executivo limítase a bloquear actuacións e deixar pasar o tempo”, asegurou Arroxo, quen advertiu de que “Lugo non pode permitirse un goberno instalado na inacción permanente”.