Arroxo reclama que se retome a colaboración cos colexios e ANPAS de Lugo para o uso do autobús urbano

LugoXa
O BNG asegura que distintos centros educativos e ANPAS trasladaron o seu malestar pola suspensión dun servizo “que funcionaba correctamente”
arroxo-bng-buses-lugo
25 May 2026

O voceiro municipal do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, denunciou hoxe que o novo goberno municipal de Elena Candia decidiu paralizar a colaboración que se viña mantendo cos colexios e ANPAS de Lugo para facilitar o uso do autobús urbano en actividades escolares e educativas.

Arroxo explicou que “nos últimos días chegaron ao grupo municipal queixas trasladadas por distintos colexios e ANPAS de Lugo, que amosan a súa preocupación porque un servizo que funcionaba ben quedou completamente paralizado coa chegada do novo goberno”.

Segundo o portavoz do BNG, esta colaboración permitía aos centros educativos realizar desprazamentos pola cidade empregando o transporte público urbano, favorecendo a mobilidade sostible e facilitando a participación do alumnado en actividades culturais, deportivas ou educativas. “Era unha iniciativa moi ben valorada pola comunidade educativa, útil para os centros e tamén positiva para fomentar entre a mocidade o uso do transporte público”, sinalou.

Desde o BNG consideran “incomprensible” que o goberno de Elena Candia decidise interromper esta colaboración “sen explicacións e sen ofrecer ningunha alternativa”. Arroxo asegurou que “todo estaba funcionando correctamente e os propios centros destacan que a coordinación era áxil e efectiva ata o cambio de goberno”.

O portavoz nacionalista reclamou ao executivo local que “rectifique e recupere de inmediato esta colaboración cos colexios e ANPAS de Lugo”. “As políticas públicas deben centrarse en mellorar servizos e non en desmontar iniciativas útiles simplemente por cuestións partidistas”, concluíu.

0.12023901939392