Artesanfroilán reúne en Lugo 18 propostas artesás durante o San Froilán

LugoXa
A trixésima edición da feira, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, mantense na praza Anxo Fernández Gómez ata o 12 de outubro con artesanía en coiro, cerámica, madeira, téxtil, xoiería e outros oficios tradicionais
Artesanía-Artesanfroilán-26-repor-Depu-2
7 Oct 2026

A artesanía volve ocupar un espazo destacado na programación do San Froilán coa trixésima edición de Artesanfroilán, unha iniciativa impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que contribúe a dinamizar a actividade cultural das festas e a achegar á cidadanía diferentes oficios e formas de creación artesanal. A feira reúne nesta edición 18 postos na praza Anxo Fernández Gómez, onde permanecerá aberta ata o 12 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou que Artesanfroilán é "unha das citas máis tradicionais do programa das festas de Lugo". Segundo sinalou, "a Deputación leva 30 anos poñendo en valor o traballo dos artesáns como forma de manter os oficios tradicionais e de xerar riqueza, dándolles visibilidade nunhas datas tan importantes como son as do San Froilán".

A edición deste ano ofrece unha ampla variedade de propostas, desde a cerámica e o traballo do coiro ata os xogos tradicionais de madeira, os complementos, a bixutería, a marroquinería, os amigurumis ou a creación téxtil.

OBRADOIROS DE ARTESANFROILÁN 2026

NOVA

A artesá Adriana Romaní Posse está á fronte deste obradoiro de marroquinería, no que se traballa con coiro de curtido vexetal ecolóxico mediante diferentes técnicas, como o repuxado contemporáneo, o gravado, o cosido de guarnicioneiro e, especialmente, o "ahormado" do coiro.

REGAL CERÁMICA

A traxectoria deste obradoiro é un exemplo do papel vertebrador da Artesanía de Galicia e da importancia do sector artesán na dinamización cultural e económica. Tras unha ampla traxectoria, Regal Cerámica acadou un importante recoñecemento que lle permite vender as súas pezas en tendas especializadas e galerías de toda España, así como en diferentes países de Europa, América e Asia.

 

BOLBORETAS DE COIRO

Detrás deste obradoiro artesán está Mercedes Buján Paredes, que comezou no mundo do coiro de maneira autodidacta en 2007. O seu traballo tradúcese nun amplo abano de produtos, desde complementos ata artigos de papelería e escritorio e pequenos elementos decorativos, como xarróns con flores ou as propias bolboretas que dan nome ao proxecto.

TRES CARACOLES

Tres Caracoles é un proxecto unipersoal nacido en 2012. O seu principal trazo diferencial é un estilo baseado en deseños minimalistas, debuxos conceptuais, un uso destacado da cor e materias primas de calidade. O obradoiro elabora pezas aplicando técnicas tradicionalmente vinculadas a outras disciplinas artísticas, como a pintura ou o modelado. A través da súa participación en eventos internacionais, as creacións de Tres Caracoles foron exhibidas en diferentes lugares de Europa, América e Asia.

ENXÓGATE

O artesán Antonio Fernández Vicente, gran afeccionado aos xogos tradicionais e de enxeño, decidiu en xuño de 2013 crear en Quiroga o seu propio taller, baixo o nome de Enxógate, coa finalidade de investigar e fabricar xogos e xoguetes. O proxecto busca mellorar as capacidades humanas mediante o emprego da destreza, o enxeño e a lóxica.

VIDAL REVILLA

Vidal Revilla Villegas iniciou a súa actividade profesional no traballo artesán do coiro de maneira autodidacta en 1985. Traballa en solitario no seu obradoiro e realiza todo o proceso a man. A súa actividade céntrase na investigación do oficio tradicional e na recuperación de procedementos que están a piques de perderse.

 

IRIA PIGUEIRAS

Iria Pigueiras Vilar desenvolve un proxecto de complementos artesanais no que plasma a súa visión persoal do que a rodea e dá forma ao que imaxina. A súa artesanía baséase nas formas da natureza, con orixinalidade e un marcado carácter propio, especialmente na creación de complementos de bixutería. Para elaborar as pezas combina o modelado de arxila polimérica con técnicas de transferencia e caligráficas, decoración con pintura e elementos naturais e téxtiles.

FONTE MEIMIL

A mindoniense Esther Díaz Vidal desenvolve desde 2007, baixo a marca Fonte Meimil, un traballo de creación e produción propia no ámbito do coiro, realizado de forma totalmente artesanal. A propia artesá encárgase do deseño e da elaboración dos produtos, empregando pel de tenreira de curtido vexetal. Confecciona artigos funcionais que van desde bolsos e carteiras ata axendas, espellos, chaveiros e pendentes, aínda que o produto máis característico son os torques de coiro.

AMIGURUMIS JANO

Alejandro García Lourés é o artesán que está detrás da marca Amigurumis Jano. No seu obradoiro, o público pode atopar bonecos de ganchillo feitos á man, desde personaxes de anime ata creacións propias relacionadas coa tradición cultural e musical de Galicia. Jano recrea nos seus bonecos personaxes de ficción, músicos e animais, aínda que unha das súas especialidades é a creación de bonecos de persoas reais.

PATAPÚM

Detrás deste proxecto artístico, con máis de vinte anos de traxectoria arredor da pintura sobre diferentes soportes, está o artesán Ramiro Rodríguez Domingo. Actualmente centra a súa produción na creación de roupa de algodón e liño. Son prendas deseñadas e confeccionadas con materiais nos que se prioriza o orgánico e para as que emprega tintes directos sen reactivos químicos. A roupa está pintada a pincel e organizada en pequenas coleccións de pezas únicas.

CENIZA DE PAPEL

Este obradoiro artesán, liderado desde decembro de 2019 por María Josefa Sánchez Castedo, naceu coa finalidade de buscar formas de trasladar imaxes de fotografía analóxica experimental, obtidas con medios básicos, a un soporte perdurable como a cerámica. Para conseguir unha boa calidade fotográfica, o obradoiro utiliza un sistema baseado na substitución do tóner convencional por cerámica e no emprego de medios de impresión específicos, que posteriormente se trasladan ás pezas creadas. O resultado caracterízase por cores suaves, formas clásicas e funcionais e un uso utilitario.

MARGA PORTOMEÑE/PORTOMEÑEKOS

O taller artesán encabezado por Margarita Portomeñe Pérez está especializado na creación, deseño, restauración e mantemento da imaxinería festiva popular. Para iso aplica técnicas tradicionais dos artistas falleros, tanto na restauración de pezas como na creación de novas obras, empregando como material principal o cartón pedra. Entre os seus traballos destacan a restauración e construción de cabezudos e xigantes, incluíndo tamén o deseño e a confección do seu vestiario.

LA BELLOTA MÁGICA

Inmaculada Díaz Cabado é a responsable do Taller La Bellota Mágica, inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia desde 2016, aínda que conta cunha ampla traxectoria anterior no ámbito da cerámica. O catálogo de produtos é moi amplo e destaca pola presenza da cor e da fantasía. Cada peza realízase a man mediante diferentes técnicas de modelado e escultura, combinadas co torno oleiro, empregando arxilas de alta temperatura e, en ocasións, materiais reciclados como madeira refugallada.

CUNQUEIRO

Este obradoiro artesán, situado en Palas de Rei, está rexido por Hussein Aali-Taleb. A pesar da súa xuventude, Hussein é xa un torneiro consolidado que ofrece un amplo abano de produtos nos que destaca a importancia da madeira empregada. Utiliza sempre madeira autóctona, especialmente bidueiro, freixo e carballo

0.16483592987061