Arumes do Corgo convoca o XVIII certame literario Terras de Chamoso
A Asociación Cultural Arumes do Corgo convoca o XVIII certame literario Terras de Chamoso. Esta proposta non quere limitar a imaxinación dos autores, polo que a única norma é que a obra se redacte en lingua galega. Inclúe as categorías infantil, xuvenil e adultos nas modalidades poesía (de 30 a 60 versos) e relato curto (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
Entre os relatos curtos da categoría infantil que participen neste certame, o premio especial A Legua Dereita pretende destacar aquelas creacións que poñan en valor e enxalcen a cultura tradicional galega.
O xurado considerará como elixibles para este premio aquelas obras que relaten feitos ou costumes da vida cotiá do noso pobo que aconteceron, ou poderían ter acontecido, na sociedade galega de antano. Poderán ser, por exemplo, lendas, contos, historias de namorar, relatos sobre a música e o baile tradicional ou acontecementos históricos, entre outros. Cada participante poderá presentar varios traballos mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo, DNI, correo electrónico e teléfono de contacto.
Remitiranse ao seguinte enderezo a A. C. Arumes do Corgo, Antigas escolas do Corgo s/n, 27163 O Corgo. Lugo. Tamén se pode enviar ao correo arumescorgo@gmail.com. Deberán enviarse no mesmo correo dous arquivos en formato PDF, un co contido da obra e outro co lema que distinga o traballo, no que constará, no seu interior nome, apelidos, data de nacemento, enderezo, DNI, correo electrónico e teléfono de contacto. Este segundo arquivo, será custodiado pola xunta directiva da Asociación Cultural Arumes do Corgo, entregando unicamente ao xurado a obra e o lema da mesma. O prazo de entrega estará aberto ata o día 29 de novembro de 2024. A entrega de premios farase nun acto cultural, musical e literario con moitas sorpresas o sábado, 21 de decembro de 2024 no Centro Sociocultural do Corgo.