As asociacións veciñais reclaman que Lugo recupere a metade do canon da auga que recada

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti reclama á Xunta de Galicia un cambio no sistema de distribución do canon da auga e defende que unha parte dos fondos recadados no municipio se reinvista directamente na capital lucense.
A entidade veciñal sinala que o canon da auga é un importe obrigatorio incluído nos recibos e que os concellos son os encargados de recadalo e transferilo á Xunta de Galicia para o seu destino finalista en materia de saneamento.
Segundo expón a Federación, nos últimos anos o Concello de Lugo recadou e remitiu á Xunta arredor de 14 millóns de euros procedentes deste canon. Porén, aseguran que o municipio non recibiu fondos deste concepto para mellorar o saneamento da súa extensa zona rural, onde aínda existen núcleos sen este servizo.
Desde Lucus Augusti consideran que esta situación require unha revisión do modelo actual e cuestionan os criterios empregados para distribuír os recursos. A Federación denuncia que os fondos foron destinados pola Xunta a concellos gobernados polo Partido Popular, algo que cualifica de "inxusto" e "desequilibrado".
Propoñen reinvestir o 50 % en Lugo
Ante esta situación, a organización veciñal formula unha proposta concreta para modificar o sistema. A súa principal reivindicación pasa por que o 50 % do canon da auga recadado en Lugo sexa reinvestido obrigatoriamente no propio Concello de Lugo, destinándoo a actuacións de saneamento.
A Federación propón que o 50 % restante poida utilizarse para apoiar outros municipios pequenos que precisen investimentos, pero aplicando criterios obxectivos relacionados coa realidade de cada territorio. Entre eles cita a extensión da zona rural, o número de núcleos de poboación, a dispersión dos habitantes ou as necesidades de saneamento acreditadas.
Outro dos puntos fundamentais da súa petición é que a distribución dos fondos se realice sen criterios políticos, evitando que a cor do goberno municipal determine o acceso aos recursos.
A Federación considera especialmente preocupante que unha parte importante do rural de Lugo continúe sen saneamento mentres o municipio contribuíu con arredor de 14 millóns de euros ao canon da auga.
Por este motivo, Lucus Augusti insta á Xunta de Galicia a establecer un reparto que considere máis xusto e equilibrado e reclama que o Concello de Lugo reciba, como mínimo, o 50 % dos fondos procedentes do canon da auga xerado no municipio.