As Carballeiras denuncia o mal estado de varias marquesiñas de autobús e reclama a súa reparación inmediata

A Asociación Veciñal As Carballeiras denuncia o estado no que se atopan dúas marquesiñas de autobús situadas na av de Magoi e na avenida Ramón Ferreiro, que presentan diferentes danos que afectan ás condicións nas que as veciñas e veciños agardan polo transporte público.
No caso da marquesiña situada na av de Magoi, a instalación permanece actualmente pechada e rodeada por valados de seguridade, impedindo o acceso ao seu interior e obrigando ás persoas que agardan polo autobús a facelo fóra do espazo habilitado para este fin.
A esta situación súmase outra marquesiña situada na avenida Ramón Ferreiro, que tamén presenta danos dende hai meses e precisa dunha actuación de reparación. Desde a asociación veciñal alertan de que non se trata, polo tanto, dun feito puntual, senón dunha mostra da necesidade de mellorar o mantemento deste tipo de infraestruturas na cidade.
Desde As Carballeiras consideran necesario que se actúe de maneira inmediata para reparar ambas instalacións e devolverlles a súa plena funcionalidade. “Non ten sentido que equipamentos destinados a protexer ás persoas usuarias do transporte público permanezan inutilizados ou en mal estado durante un período prolongado”, sinalan desde a asociación.
A entidade veciñal destaca especialmente a necesidade de contar con este tipo de instalacións durante episodios de altas temperaturas como os que se están a rexistrar estes días. As marquesiñas non só ofrecen protección fronte á choiva, senón que permiten tamén resgardarse do sol e das altas temperaturas mentres se agarda pola chegada do autobús.
Por todo isto, a Asociación Veciñal As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo que proceda de maneira inmediata á reparación das dúas marquesiñas, tanto a situada na Ronda de Fingoi como a da avenida Ramón Ferreiro, garantindo que as veciñas e veciños que usan o transporte público dispoñan de espazos adecuados nos que resgardarse das condicións meteorolóxicas.