As Carballeiras reclama a reparación urxente do peche do aparcadoiro da rúa Jacinto Calvo

A Asociación Veciñal As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo a reparación urxente do peche perimetral do aparcadoiro público da rúa Jacinto Calvo, tras detectar varios desperfectos nas últimas semanas. A entidade considera necesaria unha intervención canto antes para garantir a seguridade das persoas usuarias.
A asociación lembra que este estacionamento conta cun elevado número de usuarios, polo que pide ao Goberno municipal que asegure unhas condicións adecuadas de conservación e mantemento. Ademais da reparación dos danos, solicita a elaboración dun plan de mantemento destas infraestruturas para evitar que as incidencias se prolonguen no tempo.
As Carballeiras considera que a conservación dos espazos públicos e a prevención de posibles situacións de risco deben ser unha prioridade municipal. Por iso, reclama que se adopten as medidas necesarias para resolver os problemas detectados e garantir a seguridade e accesibilidade das instalacións.