As Carballeiras reclama ao Concello continuar co plan de eliminación de semáforos na Avenida de Magoi

A Asociación Veciñal As Carballeiras solicitou ao Concello de Lugo a continuidade do proxecto de eliminación de semáforos iniciado polo anterior goberno municipal, unha iniciativa que, segundo defenden, permitiría avanzar na mellora da mobilidade e da seguridade viaria nunha das principais vías da cidade.
O colectivo veciñal lembrou que o plan contemplaba a construción de ata cinco rotondas ao longo da Avenida de Magoi co obxectivo de substituír os actuais cruces regulados por semáforos por solucións que consideran máis eficaces e adaptadas ás necesidades actuais do tráfico. As actuacións previstas afectarían ás interseccións con Estrada da Granxa, Campos Novos, Valiño, Bispo Ona de Echave e Madanela.
Desde As Carballeiras sinalan que se trata dunha actuación estratéxica para o barrio e destacan como exemplo os resultados obtidos coa rotonda situada na intersección de Afonso X coa Avenida de Magoi, xa executada. Segundo indican, esta infraestrutura permitiu mellorar de maneira notable tanto a fluidez do tráfico como a seguridade viaria, reducindo os tempos de espera e minimizando situacións de risco nos cruces.
A asociación considera que a paralización deste proxecto suporía un retroceso no proceso de modernización da mobilidade urbana en Lugo. Por este motivo, insta ao actual goberno local a retomar as actuacións previstas e continuar cun modelo de ordenación do tráfico que, ao seu xuízo, xa demostrou a súa eficacia.