As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo que reactive a fonte do Rei tras un mes de reparacións

LugoXa
A asociación veciñal pide acelerar os traballos e establecer un mantemento periódico para evitar o deterioro deste elemento ornamental, situado nun dos principais accesos ao casco histórico de Lugo
obras-reparacion-fonte-praza-do-rei
23 Oct 2026

A Asociación Veciñal As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo que complete canto antes a reparación da fonte do Rei, que continúa sen funcionar un mes despois do inicio dos traballos. A entidade lembra que o Goberno local anunciara unha intervención coa que se pretendía recuperar o funcionamento deste elemento ornamental.

Desde a asociación consideran que a fonte xa debería estar en condicións de volver prestar servizo, ao tratarse dunha estrutura destacada na entrada sur da cidade. A súa recuperación permitiría, segundo sinalan, "mellorar a imaxe do principal acceso ao casco histórico pola zona sur".

As Carballeiras pide, polo tanto, axilizar as tarefas pendentes para que a instalación volva funcionar no menor tempo posible. Ademais, reclama que se estableza un sistema de mantemento periódico que permita conservar este tipo de espazos e anticiparse a posibles avarías.

A entidade advirte de que a falta de revisións regulares pode provocar que pequenas incidencias acaben derivando nun deterioro maior das instalacións, o que dificulta o seu uso e goce por parte da veciñanza.

0.16696310043335