O Concello de Lugo porá en funcionamento a fonte da Praza do Rei tras case un ano parada

O Concello de Lugo iniciou os traballos para recuperar a fonte da Praza do Rei, un elemento emblemático dunha das principais entradas á cidade e que levaba case un ano sen funcionar, co vaso baleiro.
A fonte, inaugurada en 1991, leva sen botar auga desde novembro de 2025. Agora, o Concello está a acometer os traballos necesarios para solucionar os problemas que provocaron a entrada de auga na zona das bombas e dos cadros eléctricos e permitir recuperar o seu funcionamento.
A actuación conta cun investimento de 13.310 euros e céntrase na reparación e impermeabilización da zona afectada. Os traballos inclúen a retirada da lámina mal adherida nas zonas máis próximas á bomba e á baixada, a preparación do soporte e o selado de posibles gretas, así como o tratamento dos elementos pasantes, impulsores e desaugadoiros, considerados puntos críticos ante posibles filtracións.
Unha vez realizada esta intervención, será necesario poñer a punto a instalación para recuperar o seu correcto funcionamento, despois de permanecer parada durante este tempo.
A recuperación da fonte forma parte do traballo diario de conservación e mellora dos espazos públicos que está a impulsar o Goberno municipal. A actuación permitirá recuperar un elemento moi visible para as persoas que acceden á cidade pola Avenida de Madrid, contribuíndo tamén ao coidado da imaxe dunha das principais entradas a Lugo.