As Carballeiras reclama ao Concello o arranxo urxente dunha marquesiña de autobús en Ramón Ferreiro

A Asociación Veciñal As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo o arranxo urxente da marquesiña de autobús situada na avenida Ramón Ferreiro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado, que presenta diferentes danos que afectan ás condicións nas que as veciñas e veciños agardan polo transporte público.
Segundo explica a entidade veciñal, esta situación se mantén desde hai meses e require unha actuación de reparación. Desde As Carballeiras alertan de que non se trata dun feito puntual, senón que, ao seu xuízo, evidencia a necesidade de mellorar o mantemento deste tipo de infraestruturas na cidade.
A asociación considera necesario actuar "de maneira inmediata" para reparar a estrutura e devolverlle a súa plena funcionalidade. "Non ten sentido que equipamentos destinados a protexer ás persoas usuarias do transporte público permanezan inutilizados ou en mal estado durante un período prolongado", sinalan desde a entidade.
As Carballeiras destaca especialmente a importancia de contar con este tipo de instalacións durante episodios de altas temperaturas como os que se están a rexistrar estes días. As marquesiñas non só ofrecen protección fronte á choiva, senón que tamén permiten resgardarse do sol e das altas temperaturas mentres se agarda pola chegada do autobús.
Por este motivo, a Asociación Veciñal As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo que proceda de maneira inmediata á reparación desta marquesiña, co obxectivo de garantir que as veciñas e veciños que utilizan o transporte público dispoñan de espazos adecuados nos que resgardarse das condicións meteorolóxicas.