As Costureiras Terras do Eo celebrarán en Fonteo un desfile coa súa colección inspirada no Camiño Primitivo

LugoXa
A cita terá lugar o 8 de agosto no nacemento do río Eo e contará con creacións elaboradas no curso de costura 2025-2026, así como coa colaboración de veciños e comercios locais
Costureiras-do-EO-Fonteo-Baleira
16 Jul 2026

A Asociación de Mulleres Rurais Costureiras Terras do Eo organizará o vindeiro 8 de agosto, a partir das 19.00 horas, un desfile de moda na parroquia de Fonteo, no municipio de Baleira, nun evento aberto ao público que se desenvolverá na contorna do nacemento do río Eo.

Baixo o título Colección Camiño Primitivo I Costureiras Terras do Eo, o desfile permitirá dar a coñecer os traxes confeccionados polas participantes no curso de costura correspondente ao período 2025-2026.

A iniciativa contará coa participación de veciños e veciñas, que serán os encargados de lucir os deseños artesanais elaborados pola asociación. Ademais, o evento incluirá pezas exclusivas da deseñadora María Rubio e modelos cedidos por Almacenes San Pedro, de Castroverde.

Desde a asociación animan á veciñanza e ás persoas interesadas a asistir a esta cita, que busca combinar moda, artesanía e convivencia nunha contorna natural emblemática como é o nacemento do río Eo.

0.12240195274353