As festas de San Cristovo no Cádavo encherán Baleira de música e actividades do 11 ao 13 de agosto

As festas na honra de San Cristovo volverán animar a capital do concello de Baleira os días 11, 12 e 13 de agosto cun amplo programa no que se combinarán música, tradición e propostas para todas as idades.
A programación arrancará o martes 11 cunha sesión vermú, a partir das 14:00 horas, amenizada polo Grupo Eureka. Ás 18:00 horas celebrarase un tardeo cos Festicultores Troupe e, xa pola noite, desde as 23:00 horas, a verbena contará coa actuación do Grupo Eureka e da orquestra Cinema.
O mércores 12 comezará ás 13:00 horas coa misa solemne, seguida da bendición de automóbiles na igrexa e da procesión acompañada por Toxo Queimado. Ás 14:00 horas celebrarase a sesión vermú con Toxo Queimado e o Grupo Fussion, mentres que ás 18:00 horas terá lugar unha Eclipse Party co DJ Adolfo Valiño. A verbena das 23:00 horas reunirá sobre o escenario ao Grupo Fussion e ao Combo Dominicano.
As festas concluirán o xoves 13 cunha tarde dedicada ao público infantil. A partir das 17:00 horas, a piscina municipal acollerá unha xornada con inchables e festa da escuma, pensada para o desfrute dos máis pequenos.