As Improdutivas levan o seu novo espectáculo de improvisación a Laxosa, no Corgo

LugoXa
‘Improcondría’ será a proposta coa que a compañía participará no Ciclo de Teatro Amador da Deputación de Lugo o sábado 19 de setembro
Improdutivas
8 Sep 2026

As Improdutivas estrean nova aventura teatral coa chegada de Improcondría, un espectáculo de improvisación que poderá verse o próximo sábado 19 de setembro, ás 19 horas, na Antiga Escola de Nenos de Laxosa, no Corgo.

A función forma parte do Ciclo de Teatro Amador da Deputación de Lugo e contará coa colaboración da Asociación de Veciños de Laxosa e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Baixo a pregunta "Vós que facedes coas cousas que vos dan medo?", as Improdutivas propoñen ao público descubrir unha función na que nada está decidido de antemán. A compañía afronta os medos a través da improvisación e con historias que irán tomando forma durante a propia representación.

En Improcondría, nin as propias intérpretes saben exactamente que sucederá sobre o escenario, aínda que si teñen claros o lugar e a hora da cita. O público converterase así nunha parte fundamental dun espectáculo no que a capacidade de improvisación será a protagonista.

A proposta supón a primeira parada deste novo espectáculo das Improdutivas, que convidan a achegarse ata Laxosa para compartir unha nova aventura teatral baseada na espontaneidade, o humor e a participación.

A cita será o 19 de setembro ás 19 horas na Antiga Escola de Nenos de Laxosa (O Corgo), dentro da programación do Ciclo de Teatro Amador da Deputación de Lugo.

0.14747905731201