As obras de reparación dunha ponte obrigarán a cortar durante dous meses un tramo da LU-P-1611 en Castroverde

A Deputación de Lugo informou de que as obras de reparación da ponte situada sobre a estrada autonómica LU-530, na intersección coa vía provincial LU-P-1611, obrigarán a cortar ao tráfico un tramo do cinto comarcal ao seu paso polo concello de Castroverde.
A actuación será executada pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Vivenda e Infraestruturas da Xunta de Galicia, e suporá o peche da LU-P-1611 entre os puntos quilométricos 118,500 e 118,900 a partir do vindeiro luns 13 de xullo. A duración prevista das obras é de aproximadamente dous meses.
Durante o desenvolvemento dos traballos tamén se rexistrarán cortes parciais e intermitentes na estrada LU-530, baixo a ponte, en función das necesidades da intervención.
A Deputación lembra que a LU-P-1611 é unha das principais vías da rede provincial, xa que conecta diferentes concellos do centro da provincia e soporta un importante volume de tráfico.
Co obxectivo de reducir as afeccións á circulación, habilitaranse itinerarios alternativos que estarán debidamente sinalizados. A institución provincial recomenda ás persoas usuarias extremar a precaución, respectar a sinalización provisional e planificar os seus desprazamentos con antelación mentres se prolonguen as obras.