As piscinas de Frigsa superan os 4.300 usuarios nos primeiros días de apertura

As piscinas exteriores municipais de Frigsa superaron xa os 4.300 usuarios desde a súa apertura o pasado 15 de xuño, o que confirma a boa acollida da decisión do Concello de adiantar o inicio da tempada estival para favorecer o uso das instalacións coa chegada das altas temperaturas.
Entre os días 15 e 24 de xuño, un total de 4.363 persoas utilizaron as piscinas municipais, o que supón unha media de 436 usuarios diarios. Os rexistros amosan ademais unha tendencia ascendente, con 620 usuarios o 22 de xuño, 544 o día 23 e 725 o 24, a xornada de maior afluencia ata o momento.
Os datos destes primeiros días avalan a resposta da cidadanía a un servizo que cada verán se converte nun dos principais espazos de lecer ao aire libre da cidade.
O Concello incorporou ademais unha cadeira hidráulica na piscina exterior de Frigsa para facilitar o acceso ao baño das persoas con mobilidade reducida, reforzando así o compromiso coa accesibilidade e a inclusión.
A partir do 1 de xullo, as instalacións ampliarán o seu horario de funcionamento, abrindo de luns a venres de 12.00 a 20.30 horas e as fins de semana de 12.00 a 20.00 horas, co obxectivo de ofrecer un servizo máis amplo durante os meses de maior afluencia.
O Goberno municipal continúa traballando na mellora dos servizos públicos e na adaptación das instalacións ás necesidades da cidadanía, garantindo espazos accesibles, seguros e de calidade para o verán en Lugo.