Asociación Aliad Ultreia: “Traballamos con colectivos estigmatizados, pero buscamos unha transformación do sistema”

LugoXa
María Barba Núñez, presidenta, e Ana Barba Núñez, coordinadora da Área de atención a mulleres vítimas de violencias machistas, poñen en valor o traballo da Asociación Aliad Ultreia en Lugo
Aliad-Ultreia-Charla-Lugo
22 Apr 2026

Jessica Fernández

Aliad Ultreia leva máis de 40 anos de actividade en Lugo, como foi a súa evolución?

A entidade xurdiu no ano 1984 da man de Manuel Varela, médico especializado en drogodependencias, nun momento no que había unha problemática de consumo de heroína que levou á creación de iniciativas que buscaban dar resposta. Aliad nace ao mesmo tempo que Érguete ou outras entidades deste tipo. En principio, o traballo consistía nun programa de atención xurídico-social a persoas con problemática de drogodependencia. Logo, como varias desas persoas acababan en prisión por problemas asociados a ese consumo, comezamos tamén a traballar dentro da prisión. Nun principio era con este programa de atención xurídico-social, pero despois fomos ampliando a programas de diferente tipoloxía. E no ano 2010 crease a área de Muller, que xurdiu co caso Carioca, xa que o noso avogado levaba algúns casos de mulleres desde a entidade. Ademais da atención xurídica, esas mulleres necesitaban algo máis, polo que incorporamos o acompañamento e, a partir de aí, foise profesionalizando e xerando un equipo para dar atención a ese tipo de violencia de xénero. Agora traballamos con vítimas de violencias machistas e mulleres vítimas de explotación laboral. Así, actualmente temos tres liñas de traballo.

En que consiste o traballo que se leva a cabo?

Hai certos aspectos que compartimos no traballo nas diferentes áreas. En primeiro lugar, o enfoque integral. Contamos cun equipo interprofesional formado por dúas psicólogas, un avogado, unha orientadora laboral, catro educadoras sociais e un sociólogo e unha politóloga, estes dous últimos que desempeñan tamén labores de xestión e administración. Unha equipa que traballa desde esa óptica de acompañar ás persoas de nos seus procesos para mellorar as súas situacións de vida. Normalmente, quen realiza un traballo máis individualizado de acompañamento é unha educadora social ou unha psicóloga, e despois complétase con orientadora laboral, avogado ou psicóloga. Tamén facemos traballo grupal cos diferentes colectivos, entendendo que o grupo é un espazo formativo e de desenvolvemento das persoas. Traballamos en rede, xa que as persoas están tamén asociadas a estruturas que exercen violencia sobre elas ou que dificultan o seu desenvolvemento persoal e a súa calidade de vida. O traballo en rede mellora a atención ás persoas e axuda a transformar os contextos e os marcos culturais. E é por iso tamén que traballamos moito na participación social, formación e incidencia política, intentando xerar cambios en factores estruturais, transmitir demandas ou xerar cambios do sistema. A idea tamén é que a asociación non estea só na parte de reparación social, senón que realmente poidamos actuar sobre os factores que xeraron esas vulneracións de dereitos coas que traballamos; achegar o noso gran de area para transformar o sistema a través da nosa presión e a nosa voz, para dar tamén voz aos colectivos cos que traballamos.

Ao traballar con este tipo de colectivos, senten o estigma da sociedade cara a eles?

Hai estigma non só por xulgar como unha persoa chegou a esa situación, senón tamén por crer que a responsabilidade de saír dela é só da propia persoa. Todas e todos temos responsabilidades nos nosos procesos persoais, pero despois hai estruturas que, ás veces, dificultan moito eses procesos. Os colectivos cos que traballamos están bastante estigmatizados, polo que é importante todo o que ten que ver coa transformación cultural, cambiar esa perspectiva e a visión que se ten sobre eles. Por exemplo, respecto dos presos na cadea, temos un programa que considero interesante porque busca traballar desde a óptica do desenvolvemento comunitario dentro da prisión, aumentando as posibilidades de participación na cadea. Este é o Plan de Animación Sociocultural no Centro Penitenciario de Monterroso, que contribúe a romper ese estigma, pois moitas persoas participan voluntariamente en diferentes proxectos de carácter cultural, artístico e deportivo dentro da prisión. Todas son experiencias que fomentan o intercambio dentro e fóra e contribúen a romper as visións existentes sobre a prisión e as persoas que están nela.

Que traballo se fai coas persoas en prisión?

Faise acompañamento social, laboral, psicolóxico e atención xurídica a persoas con problemática de drogodependencia, tanto dentro como fóra das prisións. Dentro da prisión tamén temos o Programa de Preparación para a Liberdade, que é un programa grupal. Trátanse temas relacionados con habilidades sociais, emocionais, proxecto vital, orientación laboral... e busca preparar a saída á liberdade, especialmente coas persoas que poden estar menos integradas na dinámica penitenciaria, reducindo efectos nocivos da falta de actividade ou da cultura carceraria, traballando outras habilidades mellores para a súa vida dentro e fóra da prisión, e buscando facilitar a súa integración na sociedade ao saír. Logo hai outro programa, “Preparados, listos, xa”, máis individualizado, coas persoas próximas á saída, a través do que acompañamos na planificación do proxecto vital que queren desenvolver fóra. Para isto contamos cun piso para permisos penitenciarios, destinado a persoas sen vinculación externa, acompañado dun itinerario individualizado que entende os permisos como oportunidade para ir preparando a vida en liberdade.

Como funciona o programa de atención a vítimas de violencias machistas?

Atendemos mulleres vítimas de violencias machistas, especialmente migrantes. Existen recursos públicos, como a Casa da Muller, que cumpre unha función, pero as mulleres migrantes en situación irregular ou moi vulnerables non coñecen recursos ou non son detectadas porque non manifestan ser vítimas de violencia machista. Con elas créase unha relación de confianza na que expresan a súa situación. Ao vir doutro país, están máis soas e necesitan un acompañamento maior do que ofrece a administración. Detectámolas a través dos nosos servizos sociais e xurídicos, e mediante a exploración documental e a súa historia migratoria podemos identificar se hai violencia. Moitas veces son vítimas de violencia machista no seu país, pero precisan apoio continuo aquí. Tamén traballamos con mulleres prostituídas desde unha perspectiva abolicionista. Consideramos que existe un sistema prostituínte que coloca ás mulleres como mercadoría para o consumo masculino, froito de procesos culturais e educativos que requiren revisión. Por iso, Aliad Ultreia adopta esta perspectiva, traballando coas mulleres e coas estruturas. Contamos cun piso de acollida para mulleres e fillos, facendo tamén intervención integral, traballo grupal e desde unha perspectiva sensible ao trauma. É un proceso de restablecemento, pois ás veces a ferida é profunda. Hoxe en día, as vítimas teñen situacións cada vez máis complexas, e as ferramentas de captación actúan sobre xente moi nova a través de plataformas online. Por iso, impartimos talleres en institutos e formación a profesionais implicados mediante congresos, accións nos centros de información da Muller, forzas e corpos de seguridade ou ámbito sanitario, mellorando a detección de mulleres e a derivación a entidades especializadas en Galicia. Creamos numerosos materiais didácticos e guías para profesionais, porque é fundamental formar e sensibilizar.

Realizan un labor encomiable que correspondería á administración, por iso colaboran coa entidade.
Si, a nosa financiación é principalmente pública, da Xunta de Galicia, xa que somos entidade prestadora de servizos sociais. Tamén temos fondos da Deputación e algo do Concello de Lugo. Ademais, colaboran connosco as persoas socias, que son moitas e achegan o que poden. Calquera persoa pode aportar o seu gran de area para permitir que sigamos desenvolvendo a nosa labor en favor destes colectivos.

Consideran que teñen algunha necesidade na entidade?

Estamos moi contentas polo equipo multidisciplinar co que contamos e con todo o traballo que facemos, tamén do papel dos voluntarios e voluntarias á hora de fortalecer a nosa identidade asociativa e de participación social, e tamén estamos agradecidas pola aportación pública que recibimos para poder desenvolver o noso traballo; pero o si que quereríamos é que cambiase o sistema no máis fondo. Se cambiaran certas estruturas opresivas, non teriamos que facer tanto traballo de integración e acompañamento e non lles sería tan custoso ás persoas coas que traballamos superar certas situacións ás que chegaron con responsabilidade ou sen ela.

0.12814784049988