Asociacións dos Ancares e do Courel comparten coa Deputación os seus proxectos e necesidades

LugoXa
O encontro, celebrado no Pazo de San Marcos e apadriñado polo cineasta Oliver Laxe, serviu para avaliar o impacto dos programas de apoio á gandería extensiva e ao emprendemento rural
Oliver Laxe Deputación de Lugo
5 Nov 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo reuniu no Pazo de San Marcos representantes de asociacións e proxectos culturais, ambientais e agrogandeiros dos Ancares e do Courel para compartir obxectivos, ferramentas de traballo e necesidades detectadas no desenvolvemento da súa actividade.

Na xuntanza participaron a Asociación Ser, a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada Asgafón, Teitos de Piornedo, a Asociación Corripa, a Asociación Seara Verde, a Asociación para o Desenvolvemento Serra do Courel, a Asociación de Defensa das Variedades Autóctonas das Ribeiras do Navia e Outonía Sociedade Cooperativa Galega.

O deputado de Rural, Daniel García, agradeceu o labor destas entidades na organización e apoio á actividade produtiva, na xestión do territorio e na conservación do patrimonio cultural e natural. "Representades o motor de dinamización das comarcas da montaña e permitides manter viva a tradición e cultura vencellada ao noso país", sinalou.

Durante o encontro tamén se avaliou a repercusión dos programas impulsados pola área de Rural, como 'O que non arde', que financia investimentos para a gandería extensiva, e 'Da Escola á Granxa', que incorpora á súa oferta educativa explotacións e iniciativas de emprendemento das comarcas da montaña. Entre elas figuran Mel Casa da Torre e A Carqueixa, de Cervantes; Embutidos Suarna, de Navia de Suarna; Caurelor, de Quiroga, e Ribeiregas e El País del Abeyeiro, de Negueira de Muñiz.

Os colectivos e as ganderías participantes valoraron a contribución destas iniciativas á hora de poñer en valor o sector primario e reivindicalo como unha actividade de futuro. Tamén coincidiron na importancia da vinculación emocional co rural para consolidar os proxectos e garantir a súa continuidade.

O encontro contou co apadriñamento do cineasta Oliver Laxe, que contribuíu á visibilización dos Ancares a través do seu recoñecemento público e promoveu a creación da Asociación Ser. Ademais, produciu a campaña 'Gandería Heroica', da Cooperativa A Carqueixa, e apoiou a posta en marcha do programa 'O que non arde' en 2021. Na súa intervención, reafirmou o seu compromiso coa posta en valor do territorio e do seu potencial produtivo.

Daniel García destacou a importancia destes encontros para "afianzar vínculos e crear redes de colaboración" que permitan fortalecer as actividades existentes e impulsar novas iniciativas. Como agasallo, a Vicepresidencia da Deputación entregou aos participantes un lote de publicacións editadas pola área de Cultura e unha figura cerámica de Otero Regal.

0.16775393486023