Autorizadas as obras para solucionar o problema dos cables colgantes no centro urbano de Antas de Ulla

O Goberno local de Antas de Ulla informou da concesión da licenza de obras necesaria para que Telefónica poida iniciar os traballos destinados a resolver o problema dos cables colgantes existentes no centro da localidade, unha situación que xerou preocupación entre a veciñanza durante os últimos meses.
Desde o Concello explican que a alcaldesa, Pilar García Porto, realizou durante preto dun ano numerosas xestións, reclamacións e seguimentos coa compañía co obxectivo de que presentase a documentación requirida para poder desenvolver a actuación.
Segundo sinala o Executivo municipal, unha vez que a empresa entregou toda a documentación necesaria, a tramitación da licenza realizouse de maneira inmediata para permitir o inicio das obras o antes posible, incidindo en que a seguridade da veciñanza foi unha prioridade durante todo o proceso.
O Goberno local recoñeceu tamén o malestar xerado pola demora na resolución desta situación e considerou que non resulta aceptable que un problema destas características, con posibles riscos asociados, se prolongase durante un período tan longo.
Desde o Concello trasladaron ademais o seu agradecemento aos veciños e veciñas pola paciencia e comprensión mostradas ao longo deste tempo, así como polas comunicacións realizadas para expresar as súas inquietudes e preocupacións respecto desta incidencia.
A administración local avanzou que continuará realizando un seguimento permanente dos traballos ata a súa completa finalización co obxectivo de garantir a correcta execución da actuación e mellorar a seguridade no municipio.