Auxilia Lugo organiza unha formación sobre autocuidado e benestar para persoas coidadoras

LugoXa
A sesión abordará o impacto emocional dos coidados, a xestión do estrés e ofrecerá ferramentas prácticas para promover o benestar das persoas que desempeñan tarefas de coidado
uxio-novoneyra-esmusa-Lugo
7 Jul 2026

Auxilia Lugo celebrará o vindeiro xoves 16 de xullo, ás 16:30 horas, unha formación titulada ‘Quen coida tamén necesita coidados’, unha actividade centrada no autocuidado e no benestar das persoas coidadoras desde a perspectiva do traballo social.

A sesión desenvolverase no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, en Lugo, e será impartida por Raquel Acuña, traballadora social de Auxilia Lugo.

Durante a formación analizaranse os efectos emocionais que poden derivarse das tarefas de coidado, facendo especial fincapé no impacto emocional, o estrés, a sobrecarga e o esgotamento que poden experimentar as persoas coidadoras. Ademais, ofreceranse estratexias prácticas de autocuidado para aplicar no día a día, así como ferramentas para a xestión emocional, o establecemento de límites e a mellora do benestar persoal.

A actividade tamén permitirá coñecer os recursos e as redes de apoio dispoñibles na comunidade para facilitar o labor das persoas coidadoras e reforzar o seu acompañamento.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico lugo@auxilia.es ou chamando ao teléfono 679191801.

A actividade está financiada con fondos europeos, cofinanciada pola Unión Europea e pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

0.12853312492371