Avanzan as obras na rúa Pintor Corredoira para reforzar a seguridade peonil no CEIP Anexa

LugoXa
A actuación inclúe ampliación de beirarrúas, novo paso de peóns elevado e zonas de sombra dentro do plan de mellora das contornas escolares
obras-Pintor-Corredoira-Lugo
6 May 2026

As obras na rúa Pintor Corredoira avanzan a bo ritmo no marco dunha intervención de mellora do espazo público que ten como obxectivo principal reforzar a seguridade peonil na contorna do CEIP Anexa, segundo explicou o tenente de alcalde Rubén Arroxo.

O responsable municipal sinalou que os traballos progresan segundo o previsto e destacou como actuación xa completada a ampliación da beirarrúa situada diante do centro educativo, unha das pezas centrais deste proxecto. Arroxo enmarcou esta intervención dentro dunha nova fase do plan de mellora das contornas escolares que impulsa a Tenencia de Alcaldía, lembrando actuacións previas en centros como Luís Pimentel, As Mercedes e Rosalía de Castro.

As obras continúan agora coa execución dun novo paso de peóns elevado na rúa Pintor Corredoira e coa creación dunha zona de espera nunha parcela municipal actualmente sen uso. Este espazo está a ser pavimentado con formigón impreso e contará con nova arborización para xerar áreas de sombra e mellorar o confort da contorna.

Ademais, a beirarrúa ampliada quedará protexida cunha varanda de aceiro galvanizado, co obxectivo de incrementar a seguridade dos desprazamentos peonís, especialmente no acceso ao centro educativo.

Segundo destacou o goberno local, esta actuación busca consolidar un modelo de cidade máis segura e amable coa infancia, garantindo espazos públicos máis protexidos arredor dos centros escolares de Lugo.

0.12066197395325