Baleira celebrará a V Mostra de Gando cunha ampla xornada de feira, música e actividades tradicionais

O concello de Baleira celebrará o sábado 12 de xullo de 2026 a quinta edición da Mostra de Gando, unha xornada que se desenvolverá no Cádavo e que reunirá exposición de gando, maquinaria agrícola e múltiples actividades lúdicas e culturais ao longo de todo o día.
A feira arrancará ás 08:00 horas coa recepción e apertura do recinto, dando paso a unha programación continuada que incluirá, xa desde as 11:00 horas, animación no campo da feira e por todo o pobo a cargo do grupo de música tradicional Toxo Queimado. Ás 12:30 horas terá lugar a subasta de xatas de Acruga, mentres que ás 13:30 horas se realizará a entrega de agasallos aos gandeiros participantes.
A xornada continuará pola tarde cunha sesión vermú ás 14:00 horas con Tania e o seu acordeón, seguida ás 14:15 horas dunha degustación de empanada de Tenreira Galega Suprema. Ás 14:30 horas celebrarase un sorteo de pezas artesanais e polos entre os asistentes, e ás 16:00 horas haberá novo tardeo musical co mesmo grupo. Ás 16:30 horas está previsto un sorteo de 300 puntos, e xa pola noite, ás 19:30 horas, a festa continuará co DJ Adolfo Valiño ata que o corpo aguante.
Durante toda a xornada desenvolveranse tamén demostracións en vivo de talla en madeira, cestaría e olería, reforzando o carácter tradicional da cita.
A organización corre a cargo do Concello de Baleira, coa colaboración da Xunta de Galicia, fondos europeos, o Ministerio de Agricultura, Acruga, Tenreira Galega Suprema e Abanca, entre outras entidades.