Baleira reunirá o mel da montaña lucense na súa novena feira os días 24 e 25 de outubro

GaliciaXa | LugoXa
A cita organizada polo GDR3 incluirá obradoiros, catas, xogos populares, un torneo de billarda, un magosto e o concurso para elixir o Mellor Mel da Montaña Lucense
Feira-do-Mel-de-Montaña-recurso
11 Oct 2026

O mel e os produtos tradicionais da montaña lucense serán os protagonistas da IX Feira do Mel da Montaña, que se celebrará en Baleira os días 24 e 25 de outubro. A Asociación Montes e Vales Orientais-GDR3 impulsa esta cita, que combina a promoción do sector apícola con actividades gastronómicas, divulgativas e de lecer para todos os públicos.

A programación comezará o sábado 24 pola tarde con obradoiros relacionados coa cera e o mel, previstos para as 16:00 horas. A xornada incluirá tamén xogos populares e o II Torneo de Billarda, a partir das 17:00 horas, así como un taller sobre a calidade do mel e unha cata dos produtos presentados ao concurso, ás 18:00 horas.

A actividade continuará pola noite cun magosto ás 20:30 horas, no que se ofrecerá de balde unha degustación de empanada, viño e castañas.

O domingo 25, a feira abrirá as súas portas ás 10:00 horas e retomará os obradoiros ás 11:00 horas. Ao mediodía comezará a actividade do panel de cata e, ás 13:00 horas, os asistentes poderán probar cervexa de castaña e chulas de mel. A visita de autoridades está prevista para as 13:30 horas.

A entrega de premios e diplomas pechará a programación a partir das 14:30 horas. Nese acto recoñeceranse os participantes en Pintameles e darase a coñecer o gañador do concurso Mellor Mel da Montaña Lucense, un dos eixes centrais desta feira dedicada a poñer en valor a produción apícola do territorio.

0.15874600410461