Baralla celebrará o Día das Letras Galegas cunha noite dedicada á lingua, á música e ás tradicións

Baralla acollerá o vindeiro 17 de maio unha xornada especial con motivo do Día das Letras Galegas, cun programa cultural e festivo que reunirá música tradicional, convivencia e actividades para celebrar a lingua e as tradicións galegas.
A celebración arrancará a partir das 20:00 horas e contará coa actuación das Escolas Airiños do Neira, ademais da celebración dunha asemblea xeral e da actuación do grupo de música tradicional Caivanca.
A programación completarase cunha sesión de pinchos e unha foliada aberta á participación, nun ambiente pensado para poñer en valor a cultura popular galega e fomentar a convivencia veciñal.
Baixo o lema “Unha noite para celebrar a nosa lingua, a nosa cultura e as nosas tradicións”, a iniciativa conta coa organización de Tradigalu e Airiños do Neira, así como coa colaboración do Concello de Baralla e da Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia de Cultura.