Baralla volverá ofrecer un servizo de autobús ás praias durante xullo e agosto

O Concello de Baralla porá en marcha un ano máis un servizo de autobús para facilitar os desprazamentos ás praias durante as fins de semana dos meses de xullo e agosto, unha iniciativa dirixida á veciñanza para favorecer o acceso a diferentes destinos da costa galega durante o período estival.
As persoas interesadas deberán retirar previamente o billete na Oficina de Información Xuvenil, situada no Centro Sociocultural, cun custo de 6 euros. A recollida poderá realizarse os xoves e venres anteriores a cada saída entre as 17.00 e as 21.00 horas, sendo as prazas limitadas e asignadas por orde de retirada dos billetes.
As viaxes partirán ás 9.00 horas desde a Praza Maior de Baralla e contarán con diferentes destinos ao longo do verán. Durante xullo, as saídas realizaranse cara ás praias de Ares o día 12, Foz o día 19 e Cedeira o día 26. Xa en agosto, os destinos previstos serán novamente Ares o día 2, Viveiro o día 9 e Miño o día 16.
Desde o Concello tamén informaron de que a actividade conta coa colaboración da asociación Os Malugreiros, que terá unha persoa encargada de acompañar o grupo durante os desprazamentos.