Becerreá renovará o céspede do campo municipal de fútbol cun investimento de preto de 200.000 euros

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a renovación do céspede do campo municipal de fútbol de Becerreá, unha actuación destinada a mellorar as instalacións deportivas nas que adestran e compiten os equipos da SD Becerreá. O vicepresidente provincial, Efrén Castro, confirmou o apoio da institución a este proxecto durante unha visita ao recinto deportivo.
A intervención suporá un investimento próximo aos 200.000 euros, segundo o proxecto valorado presentado polo Concello de Becerreá. O financiamento articularase a través dun convenio interadministrativo entre ambas administracións co obxectivo de que as obras poidan executarse ao longo deste ano.
Durante a visita, Efrén Castro destacou que actuacións deste tipo representan un esforzo económico considerable para os municipios de menor tamaño, polo que considerou fundamental a cooperación entre administracións. Neste sentido, sinalou que a colaboración da Deputación responde á vontade de manter unha rede de instalacións deportivas que favoreza e impulse a práctica do deporte en todo o territorio provincial.
O vicepresidente provincial tamén subliñou que os investimentos en infraestruturas deportivas complementan o apoio que a Vicepresidencia da Deputación presta ao deporte de base e afeccionado a través das convocatorias de subvencións destinadas a sufragar os gastos de actividade dos clubs e entidades deportivas. Ademais, puxo en valor a implicación das familias, ás que definiu como unha peza esencial no funcionamento diario das entidades deportivas.
A SD Becerreá, club de referencia na comarca, conta con equipos en todas as categorías de formación, desde prebenxamíns ata xuvenís, ademais dun conxunto sénior que competirá a próxima temporada en Primeira Futgal.