BENGALA Compañía de Teatro Físico leva a Lugo a súa nova obra ‘Alicia wants to’

BENGALA Compañía de Teatro Físico, con sede en Lugo, levará á escena a súa nova produción, ‘Alicia wants to’, o vindeiro 23 de abril ás 20.30 horas no Auditorio Gustavo Freire. A proposta chega como unha nova aposta da formación lucense pola creación contemporánea e a expresión corporal como eixo narrativo.
A dirección e dramaturxia da peza corren a cargo de An González, mentres que o deseño de iluminación está asinado por Jorge Castro e a fotografía é obra de Laura Pose. Sobre o escenario darán vida á montaxe as intérpretes Andrea Maseda, Estrella Tomé, Estela del Río e Alexia Villar.
A obra 'Alicia Wants To' representarase en galego cunha proposta que combina o realismo máxico coa dureza social para mergullarse na vida dunha moza marcada pola vulnerabilidade. A peza relata a historia de Alicia, unha adolescente que atravesa problemas de drogadicción e que podería estar a sufrir unha situación de abuso, nun contexto persoal e social especialmente complexo.
A acción arrinca no momento en que a protagonista abandona un centro de menores e volve atoparse coa súa nai, Juana. Nai e filla forman parte desa periferia social que loita por saír adiante nun entorno atravesado pola exclusión, a precariedade económica, os abusos e un sistema xudicial que non ofrece as mesmas garantías a todas as persoas. Ambas representan esa realidade situada na fronteira, no límite, onde a supervivencia convértese nun reto diario.
A estrutura dramática constrúese arredor dunha partida de xadrez que serve como metáfora do conflito vital. O público non é un mero espectador, senón que participa activamente escollendo algunhas das decisións que debe tomar Alicia, condicionando así o desenvolvemento e o desenlace da función.
A dramaturxia bebe de referencias recoñecibles como Alicia no país das marabillas e da película Mommy, dirixida por Xavier Dolan, aínda que o fai desde unha reinterpretación libre que adapta eses ecos culturais a unha realidade contemporánea marcada pola desigualdade e a procura de identidade.